30/11/2018.

Remata o EM-PRÉGATE IV con 33 insercións laborais

Durante os últimos doce meses, Saúde Mental FEAFES Galicia estivo a desenvolver o Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE IV, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, cuxo obxectivo é aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral ordinario por parte dos demandantes de emprego que participaron no proxecto.

Isto lógrase a través de diversas actuacións como accións de información e orientación para a busca de emprego, realización de itinerarios personalizados de inserción, accións formativas, prospección no mercado laboral, intermediación laboral, sensibilización no tecido empresarial ou apoio para o mantemento do posto de traballo.

No proxecto participaron 85 persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental procedentes de toda Galicia, as cales lograron acceder a 33 contratos de traballo. Destas insercións laborais, 9 producíronse na delegación de Santiago e outras 8 na de Vigo. En A Coruña, pola súa banda, lográronse 6 insercións laborais, ao igual que en Lugo, mentres que en Ourense accedeuse a 4 contratos de traballo. 

Deste xeito, o programa superou os obxectivos establecidos, que marcaban un propósito de 26 insercións laborais (o 30% dos participantes). Aquí están contabilizados unicamente os contratos de 3 ou máis meses de duración e 10 ou máis horas á semana, así como aquelas insercións de 45 días cotizados á seguridade social nos contratos a tempo parcial. Non obstante, ademáis das 33 insercións que cumpren os requisitos do programa, houbo 21 máis, sendo por tanto un total de 54 contratos os que se asinaron durante o transcurso do programa.

Programa Integrado para o Emprego

O fin último do Programa Integrado para o Emprego, por tanto, é aumentar as posibilidades de que os seus participantes accedan a un posto de traballo. Para logralo, unha das accións prioritarias desenvolvidas foi dotalos de formación prelaboral que permita aumentar a súa empregabilidade no mercado laboral ordinario, así como adquirir a titulación necesaria para mellorar as competencias técnicas precisas para acceder a un posto determinado.

A metodoloxía empregada son os Itinerarios Personalizados de Inserción, unhas directrices flexibles e adaptadas a cada persoa usuaria. Os demandantes de emprego que participaron no programa contaron cun acompañante durante todo o proceso, que os apoiou e aconsellou dende as accións de orientación ata a inserción laboral propiamente dita. 

Dentro desta metodoloxía de traballo, contémplanse unha serie de actividades secuenciadas que realizaron os participantes coa fin de adquirir recursos para xestionar con autonomía o seu proceso de inserción laboral. Ditas actividades empregáronse de forma transversal durante todo o proceso: técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego. 

Ademais, impartíronse obradoiros de asertividade laboral e intelixencia emocional, novas tecnoloxías, motivación e técnicas de busca activa de emprego e coaching individual e grupal no proceso individualizado de inserción de cada demandante. Deste xeito, o Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE está totalmente adaptado ás necesidades reais das persoas con problemas de saúde mental. 




Compartir contido