12/11/2019.

Remata o EM-PRÉGATE V cun acto de clausura en Lugo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu onte en Lugo ao acto de peche do programa integrado de emprego EM-PRÉGATE V, impulsado por Saúde Mental FEAFES Galicia. Con el estiveron Manuel Fernández, vicepresidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, e Rocío Megía, prospectora laboral da entidade en Lugo.

O programa integrado de emprego estivo dirixido a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental traballadoras e en situación de desemprego. Incluíu un itinerario personalizado de inserción, flexible e adaptado ao usuario, así como medidas innovadoras e de conciliación e o uso de novas tecnoloxías. A formación estivo centrada en alfabetización dixital, busca activa de emprego, en atención ao cliente e comunicación, así como nun curso para a obtención do carné de manipulador.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados para 4.000 persoas desempregadas co compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Vía Xunta de Galicia.




Compartir contido