20/12/2017.

Remata o Proxecto Practicum 2017 con 5 insercións laborais

A delegación viguesa de FEAFES Galicia realizou onte, martes 19 de decembro, a clausura do Proxecto Practicum 2017 de formación laboral para persoas con problemas de saúde mental.

Ao acto, que tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto nº3), acudiron Dona Digna Rivas, Deputada Provincial de Cohesión Social e Xuventude; Don Carlos López Font, concelleiro de Seguridade e Mobilidade; e Don Leopoldo Robla, membro da Xunta Directiva de FEAFES Galicia. Estiveron acompañados por empresarios, usuarios e representantes das asociacións coas que conta FEAFES Galicia na provincia de Pontevedra.

Durante o acto, realizouse unha mesa redonda na que se falou das accións desenvolvidas e os resultados acadados a través do Proxecto Practicum, do mesmo xeito que se presentaron experiencias persoais de participación neste programa. 

Neste senso, contamos cos testemuños de usuarios que realizaron prácticas en empresas ou que lograron inserirse no mundo laboral a través do Proxecto Practicum, falou tamén un empresario colaborador no programa, e finalmente interveu a técnico do Servizo de Intermediación Laboral de FEAFES en Vigo para presentar os resultados obtidos.

Proxecto Practicum

O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. 

As empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver como traballan estas persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental. Os resultados demostran que cando un empresario coñece de primeira man o traballo dunha persoa deste colectivo, a súa percepción sobre as enfermidades mentais cambia a mellor.

Do Proxecto Practicum 2017 beneficiáronse un total de 20 usuarios que realizaron prácticas non laborais nas empresas Atendo, Casaplanta, Claro Sol, Freshcut, Frutas Nieves, Jardima, Juan Soñador, Norintegra, Rogelio Iglesias, Sacendi e Tallanumen.  Deles, 5 usuarios lograron inserirse no mundo laboral.


Compartir contido