19/12/2018.

Remata o Proxecto Practicum 2018 con 8 insercións laborais

Ao acto, que tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto nº3), acudiron Dona Digna Rivas, Deputada Provincial de Cohesión Social e Xuventude; Don Carlos López Font, Deputado de Economía, Facenda, Réxime Interior e Cooperación Municipal; Don Leopoldo Robla, membro da Xunta Directiva de Saúde Mental FEAFES Galicia e presidente da asociación Doa; e Manuel Juncal, coordinador da delegación de Vigo de Saúde Mental FEAFES Galicia. 

Estiveron acompañados por empresarios, usuarios e representantes das entidades de Saúde Mental FEAFES Galicia na provincia de Pontevedra. Durante o acto, realizáronse dúas mesas redondas nas que se falou das accións desenvolvidas e os resultados acadados a través do Proxecto Practicum, do mesmo xeito que se presentaron experiencias persoais de participación neste programa. 

Neste senso, contamos cos testemuños de usuarios que realizaron prácticas en empresas ou que lograron inserirse no mundo laboral a través do Proxecto Practicum, ademais de intervir tamén algún empresario colaborador no programa. Finalmente, falou a técnico de Prospección e Intermediación Laboral de Saúde Mental FEAFES en Vigo para presentar os resultados obtidos. Ao remate do acto, tivo lugar a entrega de diplomas a todos os participantes no programa.

Proxecto Practicum

O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con problemas de saúde mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. 

O tempo destinado para a realización e execución do proxecto foi de 12 meses, dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2018, que comprenderon un total de 370 horas. Neste tempo realizáronse accións de identificación de sectores de actividade, entrevistas con empresas, accións de sensibilización, difusión do proxecto, tramitación e firma de convenios de colaboración, preselección e avaliación de candidatos destinatarios, planificación das actividades e apoio á contratación dos candidatos.

Do Proxecto Practicum 2018 beneficiáronse un total de 20 usuarios que realizaron prácticas non laborais nas empresas ATENDO CALIDADE S.L, CASAPLANTA S.L., C.B SOCISAN, ROGELIO IGLESIAS E HIJOS, HORTALIZAS LEDO, FRESHCUT S.L., SAVUXIL S.L, SAGRES S.L, CLAROSOL CLEANING SLU, SACENDI S.L. e LACERA S.L. Deles, 8 usuarios lograron inserirse no mundo laboral. Ademais, no marco do Proxecto Practicum 2018 visitáronse 45 empresas, 11 delas conveniadas, e leváronse a cabo 150 contactos de difusión.


Compartir contido