07/07/2016.

Saúde Mental España lanza o seu XIV Concurso de Felicitacións de Nadal

A Confederación Saúde Mental España xa abriu o prazo para a recepción de candidaturas á edición de 2016 do Concurso de Felicitacións de Nadal no marco da iniciativa “Expresión artística pola integración”.

Con este certame búscase visibilizar as obras artísticas de persoas con problemas de saúde mental, procurando ser un elemento de motivación e de loita contra o estigma no que participa a base social do movemento asociativo reunido na Confederación Saúde Mental España.

Para a Confederación, esta mostra pública de capacidades é unha das mellores formas de acabar con algúns dos prexuízos que aínda hoxe parte da sociedade mantén cara ao colectivo de persoas con problemas de saúde mental.

En 2015, entre as máis de 200 candidaturas que se recibiron, a proposta premiada foi a elaborada por Manuel Risquez, da asociación cordobesa AFEMVAP. Pola súa banda, María José León de FEAFES-ZAFRA e Emilio Lloves da asociación galega LAREIRA Prol Saúde Mental, foron galardoados cos dous premios extraordinarios.

Como participar?

Poderán enviar as súas propostas artísticas á Confederación ata o 29 de setembro, todas aquelas persoas con problemas de saúde mental que estean vinculadas ás entidades da rede asociativa que forma Saúde Mental España ou aos seus centros, servizos ou programas.

Remitiranse por correo postal certificado a Saúde Mental España (C/ Hernández Mas, 20-24, 28053, Madrid) indicando no sobre “XIV Concurso de Felicitacións de Nadal”. A estas propostas achegarase o formulario de candidatura debidamente cumprimentado e os datos da persoa que opta ao premio.

Estableceuse unha única categoría, galardoada cun primeiro premio de 1.200€, e dous premios extraordinarios, dotados con 600€ cada un. Un xurado formado por dous membros de Saúde Mental España e dous membros de Janssen será o encargado de elixir os gañadores, aos que se entregará o galardón nun acto na sede da Confederación que se celebrará no mes de decembro.

Bases do concurso de postais de Nadal 2016.
Compartir contido