27/06/2018.

Saúde Mental FEAFES Galicia amosa a súa fonda preocupación polas deficiencias detectadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo

Tras coñecer o informe elaborado polo Defensor del Pueblo sobre a situación do Hospital Psiquiátrico de Conxo (do cal se poden consultar aquí as súas conclusións), dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos amosar a nosa fonda preocupación por esta realidade, as consecuencias da mesma e, sobre todo, polos anos de estancamento na modernización da atención á saúde mental en Galicia e todas as melloras pendentes.

En primeiro lugar, sinalar o noso estupor ante a nova de que un dispositivo sanitario sexa investigado polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, o cal é un claro indicador da gravidade da situación e do risco de vulneración dos dereitos humanos ao que están sometidos os pacientes deste recurso.

En segundo lugar, queremos destacar a contrariedade de que o Hospital Psiquiátrico de Conxo sexa o último “manicomio” en funcionamento en todo o territorio nacional, segundo a oficina do Defensor del Pueblo. Para o movemento asociativo de saúde mental, o peche dos psiquiátricos galegos clásicos ou manicomios é unha reivindicación histórica que comezou fai máis de trinta anos, coa reforma psiquiátrica contemplada na Lei de Sanidade de 1986. 

Os manicomios representaban unha realidade completamente avergoñante para o colectivo de persoas con problemas de saúde mental, xa que o seu enfoque de atención e coidado era totalmente anticuado e indigno. Tras o peche de Castro de Rei en Vigo, Toén en Ourense e O Rebullón en Lugo (este último fai dous anos), corroboramos que hoxe en día, esta realidade aínda segue a perpetuarse en Galicia no psiquiátrico de Conxo.

É por iso que, dende Saúde Mental FEAFES Galicia, solicitamos que se non hai unha solución rápida e axeitada, o Hospital Psiquiátrico de Conxo sexa clausurado do mesmo modo que se procedeu cos demais psiquiátricos históricos de Galicia. Do mesmo xeito, solicitamos a derivación dos seus pacientes a recursos alternativos dignos e integrados na comunidade, previa avaliación individualizada da situación das 221 persoas que continúan ingresadas na actualidade, tendo en conta as súas necesidades, dereitos e dignidade persoal.

Igualmente, considerando que a situación de Conxo non é máis que un síntoma da decadencia do sistema, solicitamos un re-deseño do sistema de saúde mental de Galicia tendo en conta a Convención das Persoas con Discapacidade da ONU e as recomendacións do Relator de Saúde Mental para a OMS, aproveitando, ademais, a conxuntura de estar en proceso de elaboración o Plan Galego de Saúde Mental.

Cremos que é convinte e necesaria a creación dunha comisión de traballo de todos os sectores afectados por esta situación coa fin de atopar a solución máis axeitada posible, para o cal Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece a súa total dispoñibilidade. O escenario relatado polo Defensor del Pueblo repercute de xeito directo e incisivo nas persoas usuarias dos nosos servizos, nos seus familiares, na calidade final da súa atención e na preservación dos seus dereitos como pacientes e como usuarios dun servizo público.  Por iso, esperamos e esiximos os esforzos necesarios para poñer fin a esta situación e corrixir o antes posible todas as carencias e malas praxes detectadas.

LER AS CONCLUSIÓNS DO INFORME
Compartir contido