26/06/2020.

Saúde Mental FEAFES Galicia celebra o lanzamento do Plan Galego de Saúde Mental

O pasado 19 de xuño, o Consello da Xunta de Galicia anunciou un incremento de 107 prazas nas unidades de apoio comunitario para persoas con problemas de saúde mental: 60 prazas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, 30 en pisos protexidos e 17 en unidades residenciais, xestionadas todas elas polas asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia. Para esta licitación, o Servizo Galego de Saúde investirá un importe de máis de 13 millóns de euros no período 2020-2022, destinado a financiar as prazas nestes recursos, que pasan de 1.202 a 1.309. 

Esta medida enmárcase dentro do Plan Galego de Saúde Mental, presentado o xoves 25 de xuño, que inclúe 98 proxectos cun orzamento total de 83 millóns de euros dirixidos a previr a aparición de problemas de saúde mental na poboación galega, mellorar a asistencia socio-sanitaria das persoas que teñen algún trastorno mental e fomentar a investigación neste ámbito.

Saúde Mental FEAFES Galicia celebra a aprobación deste plan, cuxa elaboración foi reiteradamente solicitada polo movemento asociativo de saúde mental durante os últimos anos. Igualmente, valoramos moi positivamente a posibilidade de ter participado no seu deseño mediante a presentación de propostas e suxestións, recollidas moitas delas na versión final do documento. 

Consideramos fundamental o impulso do financiamento de novas prazas nos dispositivos comunitarios de saúde mental, xa que permiten que as persoas con problemas de saúde mental poidan mellorar o seu funcionamento psicosocial e a súa integración na comunidade mantendo, na súa contorna social e familiar, unhas condicións o máis normalizadas e independentes posible. Por iso, aplaudimos a aposta da Consellería de Sanidade por potenciar o enfoque comunitario e integral na atención á saúde mental, así como o seu compromiso con este eido da saúde tan frecuentemente esquecido.

Dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos reiterar a utilidade dunha ferramenta como o Plan Galego de Saúde Mental, que permite planificar e, polo tanto, priorizar liñas e proxectos a desenvolver no ámbito da saúde mental na nosa comunidade. Agardamos que a súa aprobación sexa a antesala da posta en marcha de todas as medidas formuladas, para que a saúde mental reciba a atención que precisa e ocupe un espazo moi necesario nas políticas de saúde e prevención.


Compartir contido