19/11/2018.

Saúde Mental FEAFES Galicia expón o seu traballo na Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia acolleu esta mañá a inauguración dunha mostra fotográfica dedicada a Saúde Mental FEAFES Galicia, dentro do proxecto CapacitARTE impulsado polo Comité Galego de Persoas con Discapacidade (Cermi Galicia). A exposición pode visitarse ata o 28 de novembro no espazo da pirámide do edificio da Xunta de Galicia en San Caetano. 

Na inauguración da exposición interviñeron Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia; Isabel Quintairos, membro do Comité en 1ª Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Idelfonso de la Campa, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. No acto tamén estivo presente o presidente do Cermi Galicia, Iker Serturcha, así como os presidentes e representantes doutras entidades galegas de discapacidade.

O proxecto “CapacitARTE: Así somos, así o facemos” consiste na realización de exposicións monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das entidades que forman parte do Cermi Galicia. Ten como obxectivo dar visibilidade ás persoas con distintas capacidades, do mesmo xeito que permite ao movemento asociativo contar dunha maneira máis exhaustiva o labor que realiza. 

Tras as mostras presentadas ao longo de todo o ano sobre o traballo doutras entidades, durante o mes de novembro poderase visitar a exposición sobre o movemento asociativo en saúde mental. Conta con 19 fotografías que pretenden transmitir unha imaxe normalizada e integradora da saúde mental, amosando os diversos ámbitos (emprego, ocio, formación, acompañamento, etc.) que compoñen unha vida plena.


Compartir contido