31/07/2020.

Saúde Mental FEAFES Galicia presenta a súa memoria de actividades 2019

Saúde Mental FEAFES Galicia sacou á luz a súa memoria de actividades correspondente ao ano 2019 coa fin de visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental e achegadas. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.

Ao longo do 2019, o servizo de Información, Asesoramento e Apoio de Saúde Mental FEAFES Galicia atendeu a 5.416 persoas usuarias e recibiu 1.784 chamadas telefónicas á liña gratuíta. A asesoría xurídica, pola súa banda, orientou a 279 persoas sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental.

A través do servizo de Inserción Laboral e Emprego recibiron orientación laboral un total de 1.248 persoas, logrando que 319 usuarios e usuarias accedesen ao mundo laboral a través de 609 contratos. Fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais, das que puideron beneficiarse 56 persoas, e realizáronse accións de prospección laboral levando a cabo 190 visitas a empresas.

Tamén se potenciou o traballo de Acción Social a través de programas como o de Atención Integral en Centros Penais, no cal se traballou con 145 persoas internas con problemas de saúde mental, ou o Proxecto de Inclusión Social, do que se beneficiaron 110 persoas. En Santiago desenvolveuse o Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión, ao cal accederon 388 persoas, e na Coruña continuouse traballando en rede na Mesa de Persoas sen Fogar.

O servizo de Lecer e Deportes ofreceu estancias vacacionais, nas que participaron 335 persoas, e organizou diversas viaxes, ás que asistiron 402 persoas, ademais de realizar o Camiño de Santiago con 48 peregrinos. Tamén levou a cabo un programa de deporte e saúde no que participaron 550 persoas ao longo do ano. Cabe destacar, ademais, a ampla actividade dos Clubs de Ocio, que contan con 603 participantes.

En canto ao servizo de Comunicación, no 2019 lográronse 215 aparicións en medios de comunicación e a páxina web recibiu un total de 70.562 visitas, destacando tamén a ampla presenza na Internet a través das redes sociais. En canto ás accións de sensibilización, destacan a campaña #ConectaCoaVida realizada a propósito do Día Mundial da Saúde Mental, o programa Descubre de sensibilización en institutos e o proxecto artístico participativo Disorders.

Por outra banda, Saúde Mental FEAFES Galicia continuou co traballo de Apoio ao Movemento Asociativo, onde se renovaron os órganos de goberno da entidade, traballouse para mellorar a capacitación técnica e directiva das asociacións e revisáronse os modelos organizativos dalgunhas entidades membro.

Outro ámbito de destacable actividade foi o de Incidencia Política e Diálogo Civil, a través do cal se mantén unha interlocución frecuente con diversas administracións. Ao longo do 2019, asináronse 8 convenios de colaboración con distintos organismos públicos. Ademais, Saúde Mental FEAFES Galicia forma parte de entidades de terceiro nivel como EAPN-Galicia, Cermi Galicia e a Confederación Salud Mental España, coas que se realizaron 21 reunións ao longo do ano. 

Aquí podes ver a memoria de Saúde Mental FEAFES Galicia 2019.


Compartir contido