08/07/2019.

Saúde Mental FEAFES Galicia presenta a súa memoria de actividades 2018

Saúde Mental FEAFES Galicia sacou á luz a súa memoria de actividades correspondente ao ano 2018 coa fin de visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental e achegadas. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.

Ao longo do 2018, o servizo de Información, Asesoramento e Apoio de Saúde Mental FEAFES Galicia atendeu a 5.158 persoas usuarias e recibiu 1.827 chamadas telefónicas á liña gratuíta. A asesoría xurídica, pola súa banda, orientou a 472 persoas sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental.

A través do servizo de Inserción Laboral e Emprego recibiron orientación laboral un total de 1.562 persoas, logrando que 294 usuarios e usuarias accedesen ao mundo laboral a través de 547 contratos. Fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais, das que puideron beneficiarse 46 persoas usuarias, e realizáronse accións de prospección laboral realizando 218 visitas a empresas e logrando 112 convenios de colaboración. 

Tamén se potenciou o traballo de Acción Social a través de programas como o de Atención Integral en Centros Penais, no cal se traballou con 125 persoas internas con problemas de saúde mental, ou o Proxecto de Inclusión Social, do que se beneficiaron 119 persoas. En Santiago desenvolveuse o Programa de Atención a Persoas sen Fogar, ao cal accederon 205 persoas, e na Coruña continuouse traballando en rede na Mesa de Persoas sen Fogar.

O servizo de Lecer e Deportes ofreceu estancias vacacionais, nas que participaron 387 persoas, e organizou diversas viaxes, das que se beneficiaron 131 persoas, ademais de realizar o Camiño de Santiago con 40 peregrinos. Tamén levou a cabo un programa de deporte e saúde no que participaron 702 persoas ao longo do ano. Cabe destacar, ademais, a ampla actividade dos Clubs de Ocio, que contan con 623 participantes.

En canto ao servizo de Comunicación, no 2018 lográronse 143 aparicións en medios de comunicación e a páxina web recibiu un total de 61.136 visitas, destacando tamén a ampla presenza na internet a través das redes sociais. En canto ás accións de sensibilización, destacan a campaña #MocidadeSaudable realizada a propósito do Día Mundial da Saúde Mental e o programa Descubre de sensibilización en institutos.

Por outra banda, Saúde Mental FEAFES Galicia continuou co traballo de Apoio ao Movemento Asociativo, no cal destaca a elaboración dun mapa de recursos sobre saúde mental. Ademais, elaboráronse diversos documentos de orde interna, traballouse para mellorar a capacitación técnica e directiva das asociacións e revisáronse os modelos organizativos dalgunhas entidades membro.

Outro ámbito de destacable actividade foi o de Incidencia Política e Diálogo Civil, a través do cal se mantén unha interlocución frecuente con diversas administracións. Ao longo do 2018, asináronse 11 convenios de colaboración con distintos organismos públicos e privados. Ademais, Saúde Mental FEAFES Galicia forma parte de entidades de terceiro nivel como EAPN-Galicia, Cermi Galicia e a Confederación Salud Mental España, coas que se realizaron 26 reunións ao longo do ano. 

Aquí podes ver a memoria de Saúde Mental FEAFES Galicia 2018.
Compartir contido