24/02/2020.

Saúde Mental FEAFES Galicia recibe o premio Sanitaria 2000

O medio de comunicación Redacción Médica entregou o pasado xoves 20 de febreiro os seus galardóns ao sector médico galego, uns premios patrocinados por Abex, Oximesa e Roche que teñen o obxectivo de recoñecer as iniciativas de maior interese, as mellores prácticas e as traxectorias máis destacadas do sector, un concepto que inclúe a todos os axentes que forman parte del.

No acto, celebrado no compostelán Hotel Monumento San Francisco, estivo o presidente de Sanitaria 2000 (grupo editor de Redacción Médica), José María Pino; así como o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; e o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices.

Saúde Mental FEAFES Galicia recibiu o galardón á mellor Asociación de Pacientes, un premio que recoñece o traballo e traxectoria da entidade como recurso de apoio, axuda e loita pola mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental. O presidente da federación, Xosé Ramón Girón, recolleu o galardón.

Os premiados nas demais categorías foron o proxecto Nursing Now da Consellería de Sanidade e os colexios de enfermaría das catro provincias, na categoría de Enfermaría; o Programa de Prácticas Seguras en Pacientes con medicamentos de uso crónico, liderado polos farmacéuticos de Atención Primaria, como mellor Acción Farmacéutica; e o programa galego de detección precoz de cancro de mama, que compartiu o galardón á mellor Campaña ou Acción Sanitaria co convenio entre Fiscalía e colexios médicos para combater e perseguir como delito as agresións físicas ou verbais aos facultativos.

Como mellor Achega Tecnolóxica recoñeceuse a ferramenta de Intelixencia Artificial para diagnosticar cancro licitada polo Sergas. A técnica de cirurxía radioguiada intraoperativa para tumores pulmonares reducidos do Clínico de Santiago, como Acción Investigadora, ou o proxecto "Por unha Atención Primaria Vertebradora do Sistema de Saúde" e o Programa de Hospitalización a Domicilio, como mellor Administración Sanitaria, tamén recibiron o seu recoñecemento. Entre outros, tambien foron premiados o Hospital Povisa de Vigo, como mellor centro privado, o Centro de Saúde de Abegondo ou a Asociación de Médicos Galegos Asomega.

Vía Redacción Médica.


Compartir contido