20/12/2018.

Saúde Mental FEAFES Galicia traballa para favorecer a inclusión social

Saúde Mental FEAFES Galicia continua un ano máis co desenvolvemento do proxecto de Inclusión Social, que trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental en Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas e facilitando o apoio necesario para a súa correcta inclusión sociolaboral.

O proxecto de Inclusión Social, está cofinanciado pola Consellería de Política Social, o Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia e Feder Galicia.

Este proxecto da cobertura a un perfil de persoas heteroxéneo e complexo en canto á procedencia, idade e problemáticas (mulleres, persoas tuteladas, persoas sen fogar, persoas en grave risco de exclusión social, etc.) onde son necesarias estratexias de afrontamento innovadoras e creativas adaptadas á nova realidade de exclusión social.

O programa está baseado na necesidade de proporcionar aos usuarios información sobre os problemas de saúde mental, sintomatoloxía ou a importancia da adherencia ao tratamento, así como atención especializada en canto a servizos e recursos dos que dispoñen, asesoramento sobre trámites, xestións, asesoramento legal ou calquera outra consulta, dando resposta directamente ou derivándoos ao dispositivo adecuado.

Neste sentido, o proxecto de Inclusión Social desenvólvese a través das seguintes accións:

Itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas con enfermidade mental

Esta acción está deseñada para 80 participantes das delegacións de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra. Trátase da posta en marcha dun sistema de intervención baseado na información, asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con discapacidade, demandantes de emprego e en situación de especial vulnerabilidade ou risco social, co obxecto de favorecer a súa integración sociolaboral a través da execución de itinerarios personalizados de inclusión. 

Itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social e con enfermidade mental

Esta acción está deseñada para 30 participantes das delegacións de A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra que teñen problemas de saúde mental grave, están sen fogar ou en grave risco de exclusión social, carecen de redes socio familiares de apoio e precisan traballar varios aspectos da vida diaria que están deteriorados. O obxectivo, igualmente, é favorecer a súa integración sociolaboral, para o cal se realizan itinerarios personalizados de inclusión.




Compartir contido