30/01/2019.

Saúde Mental Ferrol e APEM Carballo participan no ensaio do proxecto Voices

Algúns dos problemas de socialización que afrontan as persoas con trastornos mentais gardan relación coa dificultade para interpretar as expresións faciais, a linguaxe corporal ou o ton de voz. Nas conversas cotiás, a interpretación correcta destes xestos é clave para unha comunicación correcta. Para superar este obstáculo, un equipo de científicos galegos desenvolveu o programa “Voices“, unha ferramenta que axuda a mellorar o recoñecemento das emocións no ton de voz en persoas con determinados trastornos mentais.

Os resultados dun ensaio clínico sobre este software acaban de ser presentados nun artigo que publica a revista PlosOne. O estudo realizouse en medio cento de pacientes diagnosticados de esquizofrenia ou de trastorno esquizo-afectivo. As persoas que participaron no estudo procedían do Hospital de Día dos servizos de Psiquiatría dos complexos hospitalarios universitarios de Vigo, Ourense e Ferrol, da residencia Ceboliño de Ourense e dos centros de rehabilitación psicosocial de APEM Carballo e da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.

Á metade do grupo da mostra aplicóuselle o programa “Voices” e á outra metade os programas de rehabilitación convencionais para a súa patoloxía. Os resultados mostran que o grupo de persoas expostos ao novo software presentaron mellores puntuacións nos tests de recoñecemento emocional aplicados posteriormente, fronte ás persoas que seguiron os protocolos de tratamento convencionais.

Segundo subliña María Lado, investigadora da Facultade de Medicina da USC e psiquiatra do Hospital Universitario de Donostia, as dificultades para recoñecer emocións nas persoas afectadas por esquizofrenia ou autismo, “supoñen unha peor integración social coa contorna”, o que pode incidir nun agravamento das doenzas.

Para afrontalo, o equipo de investigadores galegos creou o programa “Voices” dispoñible na páxina web www.e-motionaltraining.com. Na páxina “encontramos diversos xogos autoaplicados, atractivos e actualizados centrados en traballar as emocións mediante a obtención de puntuacións e, de forma paralela, mellorar o recoñecemento emocional e as habilidades sociais”, especifica María Lado. 

Os resultados do ensaio suxiren que “a rehabilitación é posible e que o programa “Voices” é útil para alcanzar este obxectivo”. Ao mesmo tempo puntualiza que “polo momento non coñecemos a estabilidade no tempo da melloría percibida, nin podemos dicir que supoña unha mellora directa no recoñecemento emocional na vida diaria destas persoas, obxectivo último de toda rehabilitación”. Actualmente, “seguimos traballando no deseño de novos programas para alcanzar os obxectivos propostos”.

Vía GCiencia.

Compartir contido