19/01/2018.

Seguimos comunicando a loita contra a pobreza

Comeza un novo ano e todos os equipos de traballo póñense mans á obra. Entre eles, o Grupo de Comunicación de EAPN Galicia, formado polos responsables de comunicación das distintas entidades que conforman a Rede Galega de Loita contra a Pobreza, entre elas FEAFES Galicia.

Os compañeiros de comunicación mantiveron o pasado 17 de xaneiro unha reunión de planificación anual na que revisaron o Plan de Comunicación de EAPN Galicia 2018-2019 e terminaron de proxectar un taller sobre organización de eventos que será impartido a técnicos e directivos das asociacións que conforman a rede. 

O Grupo de Comunicación de EAPN Galicia reafirmouse tamén na loita contra a aporofobia, os prexuízos e as #MentirasPobreza, hagstag que se utilizou o pasado Día da Loita contra a Pobreza e co que seguiremos denunciando as falsas crenzas que hai sobre as persoas en situación de exclusión social.

Ademais, no 2018 difundiremos novamente entre xornalistas e ONGs o “Código de conduta e boas prácticas na comunicación da pobreza e a exclusión social”, apoiaremos entre todos as causas comúns das distintas organizacións e trataremos de mellorar a comunicación interna da rede.

O traballo non vai faltar, pero a causa común que nos une vale a pena: “Somos entidades do Terceiro Sector de Acción Social implicadas na loita contra a pobreza, a exclusión e a desigualdade social e de xénero. Traballamos polas mesmas causas, desde un enfoque de dereitos pola defensa dos intereses das persoas en situación ou risco de pobreza e da súa plena participación comunitaria, mediante a incidencia política e social propositiva”.


Compartir contido