21/06/2016.

Seis equipos enfróntanse no X Campionato de Balompé “Todos polo fútbol”

O sábado 2 de xullo, FEAFES Galicia celebrará o X Campionato de Balompé “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán seis equipos de asociacións de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma. 

O torneo terá lugar no Pavillón do Restollal, en Santiago de Compostela, e desenvolverase ao longo de todo o día. Pola tarde disputarase a final entre os equipos que máis partidos gañen, e tras ela realizarase unha entrega de premios na que participará o Concelleiro de Deportes de Santiago de Compostela, Rafael Peña.

FEAFES Galicia estima que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran acollida e interese. Os equipos participantes pertencen ás asociacións Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES Vigo, Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela) e Morea (O Barco de Valdeorras). Ademais, acudirán tamén os equipos de FEAFES Santiago e FEAFES Lugo que, se ben non puideron participar na liga de FEAFES Galicia dada a súa recente formación, disputarán un partido amistoso.

O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.

Deporte e saúde mental

As persoas con enfermidade mental a miúdo teñen un estilo de vida falto de hábitos saudables, escasa actividade social e un deterioro xeral da súa saúde física.

FEAFES Galicia e as súas asociacións membro contan con programas de ocio e deportes que permiten que as persoas con enfermidade mental participen en actividades que lles proporcionan disfrute, ruptura da rutina diaria, actividade física dende unha perspectiva lúdica, adquisición de hábitos de vida saudables, socialización, integración plena na sociedade, etc. 

Ademais de pasalo ben, a través do deporte conciéncianse da importancia que ten para a súa saúde realizar exercicio físico, pois melloran a súa forma, a súa saúde mental e o seu estado de ánimo, ademais de relacionarse con outras persoas e compartir unha afición en grupo. 


Compartir contido