29/09/2016.

7 persoas logran un emprego a través do Punto Formativo Incorpora



Esta mañá tivo lugar o acto de clausura e entrega de diplomas do Punto Formativo Incorpora 2016 realizado en Santiago de Compostela, que consistiu nun curso de Operario de Almacén no que participaron 20 persoas das cales 7 lograron inserirse no mundo laboral. 

Esta acción formativa, enmarcada dentro do Programa Incorpora de Obra Social “la Caixa”, ten como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral. Neste curso participaron persoas pertencentes ás entidades Igaxes, COGAMI e FEAFES Galicia.

A formación, que contou cun total de 300 horas, estivo xestionada por FEAFES Galicia e desenvolveuse entre o 14 de abril e o 11 de xullo. Ao longo deste tempo, os alumnos adquiriron os coñecementos necesarios para realizar actividades de almacenaxe, manipulación e desprazamento de mercancías, aprendendo a utilizar os medios técnicos e as ferramentas correspondentes.

A formación teórica estivo complementada por 80 horas de prácticas non laborais nas empresas colaboradoras Bricomart, Toldos Gómez, Finsa, Transportes Iconología, Trasteros Santiago, Arroupa e Lavandería Ilunion. Nelas, os alumnos puxeron en práctica as facultades adquiridas e coñeceron de primeira man o funcionamento das empresas do sector.

Acto de clausura

A clausura e entrega de diplomas do curso de Operario de Almacén realizouse no Edificio Cersia (Santiago de Compostela) ás 10h da mañá. Entre os asistentes estiveron os alumnos da formación, representantes das empresas colaboradoras e técnicos das entidades sociais participantes. 

O acto comezou cunha presentación na que se explicou en que consiste o Punto Formativo Incorpora, mostrando as accións realizadas, a metodoloxía empregada nos cursos e os resultados acadados. A continuación, houbo unha entrega de diplomas ás persoas que superaron esta acción formativa, reservando tamén un espazo para agradecer a participación de todos os colaboradores que fan posible a inserción laboral de colectivos con dificultade de acceso ao emprego.

Compartir contido