31/05/2016.

Sumando capacidades pola inserción laboral

“Sumando capacidades, xerando oportunidades” é unha iniciativa innovadora que xorde da colaboración entre a asociación de saúde mental AFAES e a asociación de discapacidade intelectual ASPANEPS. O seu obxectivo é traballar unidas pola inclusión sociolaboral das persoas ás que atenden na área sanitaria de Ferrol.

Subvencionado por Obra Social “la Caixa”, o proxecto articúlase en catro talleres formativos: costura, serigrafía, lavandería e cociña. Neles están a participar como beneficiarias 65 persoas pertencentes a ambas as asociacións durante o ano 2016.

O obxectivo principal deste proxecto é a formación e inserción laboral dos seus participantes, así como a sensibilización e promoción da participación de empresas, entidades e administracións da comarca para a mellora da situación sociolaboral das persoas con enfermidade mental e con discapacidade intelectual.

Para dar a coñecer o seu traballo, AFAES e ASPANEPS crearon un blog no que van relatando as vivencias, inquietudes e experiencias xurdidas na posta en marcha deste proxecto.

Unidas por unha causa común

ASPANEPS é unha asociación sen ánimo de lucro que presta os seus servizos na área sanitaria de Ferrol. É recoñecida polo seu labor asistencial na atención a menores con dificultades psicosociais e persoas con discapacidade intelectual, as súas familias e/ou titores, promovendo a autonomía e a integración dos mesmos na súa contorna sociocomunitario.

AFAES é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa para promover a recuperación psicosocial e laboral de persoas con problemas graves de saúde mental, mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares.

    

Compartir contido