19/10/2017.

Talento sobre as táboas



O pasado martes 17 de outubro, o Fórum Metropolitano da Coruña foi escenario, e nunca mellor dito, dunha divertida e inesquecible xornada de teatro e saúde mental. Trátase do terceiro encontro deste tipo que organizan as asociacións de FEAFES Galicia, iniciado no 2015 por Andaina e do que este ano tomou relevo a asociación coruñesa APEM.

A cita comezou ás 10h da mañá, cando empezaron a chegar os primeiros grupos. A sala encheuse pouco a pouco para dar comezo ás actuacións, que tiveron o seu pistoletazo de saída coa función de APEM Carballo, “Unha de romanos”.  Grazas a esta peza tivemos a oportunidade de viaxar ata a antiga Roma e presenciar os debates políticos da época, sospeitosamente semellantes aos de hoxe en día...

A continuación, Andaina Ordes tomou o relevo e trasladounos á época da Comedia dell Arte a través dunha orixinal reinterpretación de “O galo”, onde Colombina, Arlequino e as demais personaxes víronse enleadas nunha historia do máis divertida. Andaina Dodro, pola súa parte, puxo o toque erótico ás xornadas con “Full Monty”, unha obra na que os protagonistas tiveron que sortear a dificultade de atopar traballo a través da amizade, a creatividade e o humor.

Doa Cangas pechou o programa da mañá con “Love me Tender”, un espectáculo de microteatro composto por entretidas escenas cotiás e personaxes do máis divertidas, onde unha misteriosa e cautivadora Maite estaba sempre presente. As funcións da tarde comezaron con A Mariña, que abordou un tema de gran actualidade e importancia como é o acoso escolar a través da súa obra “Teatro contra o buying”.

A festa chegou despois da man de Avelaíña e “Que panorama!”, unha parodia musical que fixo levantarse ao auditorio enteiro ao son de grandes clásicos como “Vete y pega la vuelta”, “Chica Yeyé” ou “La Bomba”.  E para rematar, os anfitrións de APEM Coruña pecharon as xornadas con “O hotel da discordia”, una obra que nos permitiu colarnos na recepción dun disparatado hotel para rir e divertirnos cos seus peculiares hóspedes.

A través desta xornada, os participantes compartiron un día lúdico e creativo onde superar os estigmas das enfermidades mentais mediante o contacto e o intercambio de experiencias entre as distintas asociacións. Ademais, este tipo de actividades permiten poñer de manifesto o traballo, talento e creatividade das persoas con problemas de saúde mental, facendo fincapé nas súas capacidades e normalizando a percepción social que hai cara elas.
Compartir contido