15/07/2019.

Empoderamento e recursos para mulleres

Saúde Mental FEAFES Galicia apoia os procesos de integración social das mulleres con problemas de saúde mental, axudando a mellorar o seu benestar físico e a aumentar a súa propia estima a través da participación activa na comunidade. 

Para iso, contamos co Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A través deste programa, Saúde Mental FEAFES Galicia facilita información e asesoramento a mulleres con problemas de saúde mental, realiza accións formativas, atende urxencias e traballa coordinadamente con outros recursos.

A este propósito, durante os últimos meses, Saúde Mental FEAFES Galicia organizou distintas charlas e talleres onde as mulleres participantes puideron potenciar a súa autonomía, elevar a súa autoestima e aprender a valerse por si mesmas. Algúns destes talleres foron sobre Micromachismos, EscApp e prevención de malos tratos; Autoestima e autocoidados; Alfabetización dixital e xestións administrativas básicas; Psicoeducación; ou Afectividade, sexualidade e anticoncepción. 

Talleres para empoderar ás mulleres

En Santiago de Compostela estase a realizar, durante esta semana e a pasada, un taller de Empoderamento das Mulleres. Un grupo de 6 mulleres aprenderán, durante dúas xornadas, a elevar a autoestima, fomentar a autonomía e potenciar a participación social como espazo de desenvolvemento. Ademais, con este taller tamén se busca incentivar a participación activa das mulleres con problemas de saúde mental e informalas sobre as oportunidades e riscos das novas tecnoloxías.

En definitiva, este taller pretende empoderar ás mulleres con problemas de saúde mental que foron vítimas de discriminación ou violencia nalgún momento das súas vidas para que adquiran confianza en si mesmas e poidan participar activamente en todos os ámbitos da súa comunidade.

Unha visita aos recursos de atención á muller

Pola súa parte, en Vigo, un grupo de oito participantes do programa tiveron a oportunidade de visitar unha serie de servizos de atención e acompañamento a mulleres vítimas de violencia de xénero. A actividade tivo lugar o pasado 11 de xullo co obxectivo de que estas mulleres coñezan de primeira man os diferentes recursos nesta materia que existen na súa cidade.

Deste modo, visitaron a asociación Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, a cal presta apoio e acompañamento ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, á vez que contribúe á concienciación sobre a loita contra esta lacra. Unha psicóloga desta asociación, ademais, xa impartira unha sesión do taller de prevención de malos tratos realizado en Saúde Mental FEAFES Vigo, onde falou de emocións e resolución de conflitos, de espazo persoal, estrutura dos vínculos amorosos, mitos do amor romántico, etc.

Por outra parte, na saída do 11 de xullo, os participantes do Programa de Atención Integral a Mulleres tamén visitaron o CIM de Vigo (Centro de Información á Muller) e a Casa das Mulleres, onde se amosaron cales son os recursos ofrecidos polo concello de Vigo en materia de muller e igualdade de xénero.

Compartir contido