10/04/2016.

Teatro para combater o estigma



O pasado 6 de abril non faltaban nervios e ilusión no elenco de actores da compañía Teatro do Iceberg, pois estaban a piques de debutar ante o público tras semanas de ensaios. Ademais, este non é un proxecto teatral calquera, pois Teatro do Iceberg está impulsado pola asociación Lar co obxectivo de loitar contra o estigma que existe sobre as enfermidades mentais. 

Deste xeito, os actores que se subiron ao escenario do Salón Teatro de Compostela a pasada semana son persoas con problemas de saúde mental, que non por iso deixaron de demostrar os seus dotes interpretativos. “Ljósio e outras cancións” é o título do espectáculo que representaron, creado e dirixido por Roberto Salgueiro. Segundo o propio director, a obra pretende reflexionar sobre o que a xente considera que é normal.

O proxecto que tivo o seu colofón na creación de Teatro do Iceberg arrincou cun taller con doce participantes, onde se traballaron diferentes aspectos da comunicación, para despois continuar coas improvisacións, que finalmente tiveron como broche a obra teatral “Ljósio e outras cancións”, de 40 minutos de duración.

Tras a estrea no Salón Teatro de Compostela, Teatro do Iceberg ten previsto levar o seu espectáculo a outras localidades, como é Vilagarcía de Arousa, onde desenvolve a súa actividade a asociación Lar.

Vía La Voz de Galicia.

Compartir contido