07/05/2019.

Traballamos o autocoñecemento e o autocoidado

O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas. 

A este propósito, Saúde Mental FEAFES Galicia organiza distintas charlas e talleres onde as mulleres poden potenciar a súa autonomía, elevar a súa autoestima e aprender a valerse por si mesmas. O pasado mes de abril, a delegación viguesa da entidade realizou un obradoiro sobre psicoeducación dirixido a mulleres con problemas de saúde mental coa fin de empoderalas nun mellor afrontamento e manexo da súa condición de saúde. Este e outros obradoiros serán desenvolvidos tamén nas demais delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia, situadas en A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago.

O obxectivo deste taller é crear un espazo de aprendizaxe mutuo onde se comparta información, formación e apoio sobre o que son os problemas de saúde mental, as súas causas, os principais síntomas e as estratexias de manexo, incidindo na importancia do autocoñecemento e o autocoidado. Ademais, abórdanse tamén as crenzas e os prexuízos que hai cara os problemas de saúde mental, incidindo na necesidade de afrontar asertivamente o estigma.

Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental

Saúde Mental FEAFES Galicia apoia os procesos de integración social das mulleres con problemas de saúde mental, axudando a mellorar o seu benestar físico e a aumentar a súa propia estima a través da participación activa na comunidade. 

Para iso, contamos co Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade. A través deste programa, Saúde Mental FEAFES Galicia facilita información e asesoramento a mulleres con problemas de saúde mental, realiza accións formativas, atende urxencias e traballa coordinadamente con outros recursos. 

Ao longo do 2018, un total de 50 mulleres con problemas de saúde mental recibiron formación e asesoramento ao amparo deste programa para aumentar a súa autonomía, lograr unha maior adherencia ao tratamento, adquirir unha maior consciencia da enfermidade, recuperar as súas destrezas cognitivas e mellorar as súas habilidades sociais. Neste senso, realizáronse un total de 20 accións formativas grupais sobre prevención de malos tratos, sexualidade, habilidades, autoestima, motivación para a busca do emprego, psicoeducación, etc., ademais de intervencións personalizadas de inclusión.


Compartir contido