10/12/2018.

Tres novas compañeiras grazas ao Programa de Cooperación

No marco das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados para a realización de servizos de interese xeral e social, que contan co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o cofinanciamento dos servizos públicos de emprego, Saúde Mental FEAFES Galicia contará ao longo deste ano con tres novas traballadoras nas delegacións da Coruña, Ourense e Vigo.

A educadora social Beatriz López, a psicóloga Raquel Pérez e a integradora social Sandra  Carrazoni realizarán o seu traballo no marco do Servizo de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental e as súas Familias. A través deste servizo, trátase de dar resposta á situación que atravesan estas persoas, atendendo as súas necesidades e demandas específicas, tanto individuais como grupais, e facilitando o apoio e acompañamento sociolaboral preciso para unha adecuada inclusión na comunidade.

Entre as funcións que desempeñarán as novas compañeiras, destaca a información, apoio e asesoramento personalizados a persoas con problemas de saúde mental, familiares e coidadores. Neste sentido, proporcionarán información, atención e asesoramento sobre saúde mental, recursos e servizos que lles poidan resultar de utilidade. Por outra banda, tamén poñerán en marcha accións de formación e de sensibilización, ademais de prestar apoio no servizo de emprego e nas actividades de lecer e tempo libre.


Compartir contido