12/04/2019.

Unha compañeira administrativa grazas ao programa de emprego xuvenil



Grazas ao programa operativo de emprego xuvenil, en Saúde Mental FEAFES Galicia tivemos a oportunidade de incorporar ao noso persoal a unha técnico administrativa que realizou funcións de xestión dentro do servizo de atención integral a persoas con enfermidade mental e as súas familias.

Deste xeito, desde outubro de 2018 ata abril de 2019, a compañeira Cristina Arias estivo a traballar na delegación de A Coruña. As súas tarefas realizáronse nas áreas de información e atención a persoas usuarias e asociacións, así como na xestión administrativa.

Durante este tempo, Cristina facilitou información e atención telefónica e presencial sobre cuestións administrativas e sobre os servizos prestados pola entidade, ademais de realizar xestión documental e bases de datos, trámites administrativos, seguimento e mantemento dos servizos e das oficinas e xestión de comunicacións por correo electrónico. Cristina tamén brindou apoio nas presentacións e xustificacións técnicas e económicas de subvencións e participou nos equipos de traballo da entidade.

Todo isto permitiulle adquirir coñecementos sobre o funcionamento e a xestión dos servizos e programas de  Saúde Mental FEAFES Galicia, así como adquirir as habilidades sociais propias dun servizo de atención a este colectivo. Tamén obtivo experiencia no traballo multidisciplinar e coordinado, no manexo de ferramentas informáticas, na xestión e control de documentación confidencial e na xestión económica e administrativa dunha entidade sen ánimo de lucro.

Programa operativo de emprego xuvenil

O programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil da Xunta de Galicia, ten como obxectivo o fomento da contratación de persoas menores de 30 anos para favorecer a súa inserción no mercado laboral.

Para logralo, esta convocatoria conta con tres programas, entre eles o programa de cooperación con entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional dos mozos e mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil.

Neste sentido, ofrecéronse contratacións de sete meses de duración co obxecto de proporcionarlles ás persoas mozas unha experiencia profesional que facilite a súa inserción laboral. As contratacións foron realizadas por entidades sen ánimo de lucro con capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.


Compartir contido