15/01/2018.

Unha nova compañeira grazas ao Programa de Cooperación

No marco das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados para a realización de servizos de interese xeral e social, que contan co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, FEAFES Galicia contará ao longo deste ano cunha nova psicóloga na delegación de Ourense.

Cristina Amoeiro realizará o seu traballo no marco do Servizo de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental e as súas Familias. A través deste servizo, trátase de dar resposta á situación pola que atravesan estas persoas, atendendo as súas necesidades e demandas específicas, tanto individuais como grupais, e facilitando o apoio e acompañamento sociolaboral preciso para unha axeitada inclusión na comunidade.

Entre as funcións que desempeñará a nova compañeira, destaca a información, apoio e asesoramento personalizados a persoas con problemas de saúde mental, familiares e coidadores. Neste senso, proporcionará información, atención e asesoramento sobre saúde mental, recursos e servizos que lles poden resultar de utilidade. Por outra banda, tamén realizará intermediación laboral, tratando de facilitar o acceso a un posto de traballo e a adquisición de hábitos e habilidades laborais por parte das persoas con problemas de saúde mental.

Compartir contido