06/07/2017.

Unha xornada inclusiva na Coruña

O pasado sábado 1 de xullo, un grupo de usuarios do Club de Ocio de FEAFES Coruña e das asociacións APEM e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, tiveron a oportunidade de participar no IV Torneo Inclusivo Cidade da Coruña organizado pola Escola de Tenis Marineda e pola asociación Aspronaga, grazas a un convenio coa Fundación Emalcsa para a promoción do deporte base e o deporte inclusivo.

En total foron arredor de cen deportistas con e sen discapacidade os que se deron cita neste encontro, o cal pretende promover a inclusión social a través da práctica de varios deportes adaptados como fútbol sala, tenis, atletismo, boccia, baloncesto e slalom en cadeira de rodas.

Para iso, creáronse 14 equipos mixtos que estaban constituídos por persoas con e sen discapacidade, pertencentes a distintos clubs deportivos e a diversas asociacións de discapacidade da contorna coruñesa. Cada un dos equipos tivo que participar en todos os deportes, tras os cales houbo unha entrega de trofeos e unha sesión de zumba. Para completar o programa, realizouse, ademais, unha exhibición canina da man de Terra de Cans.

O Torneo de Deporte Inclusivo da Coruña naceu fai catro anos como unha aposta firme de Aspronaga e a Escola de Tenis Marineda polo exercicio físico como medio de inclusión das persoas con discapacidade intelectual na sociedade. Desta maneira, este evento deportivo converteuse nun referente na contorna, grazas á colaboración de entidades como o Concello de Cambre, a Fundación Emalcsa, o Club Básquet Coruña, o Club de Rugby C.R.A.T. A Coruña, o Club de Fútbol Once Cabaleiros e o Club de Atletismo de Sada (CAS), ademais da participación de múltiples entidades de discapacidade.


Compartir contido