27/08/2015.

Usuarios de Avelaíña realizan prácticas

Tras máis de dous meses de formación, os usuarios de Avelaíña matriculados no curso "Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes", comezaron o pasado 10 de agosto as súas prácticas en diferentes concellos da zona de Val Miñor e Baixo Miño.

O curso estivo organizado pola entidade para a formación e o emprego da Fundación ONCE, FSC Inserta, e desenvolvido dentro do programa Por Talento, ademais de contar co cofinanciamento do Fondo Social Europeo.

O seu obxectivo é que os usuarios adquiran os coñecementos necesarios para executar e organizar as operacións de instalación, mantemento e mellora de xardíns de interior, exterior e zonas verdes, manexando a maquinaria e apeiros de xardinaría e cumprindo coa normativa ambiental de calidade e de prevención de riscos laborais.

Por iso, ademais da formación teórica, os alumnos levaron a cabo a rehabilitación dunha zona verde próxima ao centro da asociación Avelaíña en A Guarda.

Ata o 31 de agosto, os 15 asistentes ao curso complementaron a súa formación a través das prácticas co obxectivo de incrementar a súa experiencia e asentar os coñecementos adquiridos. Para iso, a asociación alcanzou acordos de colaboración cos Concellos de Baiona e Tomiño, así como coas empresas Talher (Nigrán), Orballo Xardíns (Tui) e Flores Toxal (A Guarda).


Compartir contido