22/02/2016.

Usuarios de FEAFES Galicia viaxan ás Termas de Cuntis



O Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organiza actividades para o gozar do tempo libre que permiten mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, favorecendo a súa plena integración social. 

Neste marco, a Federación vén de ofrecer ás asociacións federadas a posibilidade de participar nunha excursión ao Balneario Termal de Cuntis cunha visita a Campo Lameiro. Esta actividade realizarase en dúas quendas: as asociacións Alume, Morea, Porta Nova e Avelaíña acudirán entre o 8 e o 10 de marzo, mentres que as entidades A Mariña, Apem, Doa, Lar, Albores e Andaina irán do 5 ao 7 de abril.
 
Ademais dos circuítos termais dos que poderán gozar os usuarios durante a súa estancia no Balneario, a viaxe contempla tamén outras actividades pola contorna. Deste xeito, os usuarios poderán pasear polo Parque Natural do Río Barosa ou o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.

Realizar saídas como esta permite ás persoas con enfermidade mental romper coa rutina diaria, relaxarse, socializar, adquirir autonomía e integrarse na sociedade. Á súa vez, facilita un respiro aos familiares e coidadores, que durante estas estancias gozan de máis tempo libre mellorando así tamén o ambiente familiar.

Compartir contido