28/09/2015.

Usuarios de FEAFES Galicia, voluntarios en Sálvora

O pasado venres 25 de setembro, a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na última quenda deste ano do voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, que trasladou a Sálvora a 10 membros de FEAFES Galicia pertencentes ao Club de Ocio de Ourense.

Neste programa, que organizan conxuntamente as consellerías de Traballo e Benestar e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, participaron dende o mes de maio un total de 291 voluntarios maiores de 16 anos nos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. Entre eles, varios grupos de FEAFES Galicia e as súas asociacións disfrutaron desta actividade de voluntariado e natureza.

O programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas permite canalizar a través do voluntariado a participación activa da sociedade no coidado e na conservación deste auténtico refuxio da biodiversidade, ao tempo que permite aos voluntarios gozar do parque e dos seus valores, así como axudar nas tarefas de recuperación dos ecosistemas das Illas Atlánticas. 

As actividades a realizar polos voluntarios no programa estiveron establecidas e coordinadas polos técnicos do propio Parque Nacional, e centráronse especialmente na colaboración en tarefas de oceanografía e recursos mariños, fauna e flora.


Compartir contido