11/03/2020.

Violencia de xénero e saúde mental: imos contar unha historia

A propósito do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, Isabel Quintairos, membro do Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, interveu na xornada “Mulleres con discapacidade ante a violencia. Estamos protexidas?” organizada polo Cermi Galicia. A través da súa participación, Isabel abordou a violencia cara as mulleres desde a perspectiva da saúde mental; velaquí a súa intervención:

Vou tomar prestada unha historia.

Lía é a pequena da casa. Tímida, calada, le desde os tres anos e é feliz cun libro debaixo dunha mesa. É  obediente e fai recados para toda a familia; sube e baixa dez veces ao día os 74 chanzos ata a rúa. “Esquecinme de coller ovos”, “vai comprarme tabaco”, “súbesme o xornal?” Ata que empeza a remolonear e todo o mundo alármase. A razón é simple. Pódese subir en ascensor antes de cumprir 14 anos se che acompaña un adulto. E o porteiro, sempre amable, ofrécese moi a miúdo. Pero tamén moi a miúdo levántalle a saia a Lía.

Cando xa non pode ocultalo máis e o conta, seu pai ponse como un basilisco, baixa á portería e o asunto acábase. O porteiro e a súa muller explícanlle que non poden ter fillos e que a el gústanlle moito os nenos e failles cóxegas. Punto. Pero todo o mundo está enfadado. Por algunha razón, contalo foi mala idea. As persoas que deberían coidala non lle explican nada, non a tranquilizan e ela séntese moi mal. Lía ten cinco anos.

Aos once, xa ten dous sobriños. Apenas lembra vivir coa súa irmá maior, que casou fai moito. Un día, o seu cuñado a chama para que lle axude a facer un recado. Un recado raro porque faina subir ao coche e párase a uns metros de casa, nun sitio escuro. Lía non entende nada do que lle di, só “gústasme moito”. Sae disparada e sube á carreira os 74 chanzos e xa non lembra máis ata estar na súa cama, coa súa nai ao lado e cos nervios de punta. E na habitación entra a súa irmá, feita unha furia, gritándolle “histérica, non te tocou, non che fixo nada”. Os seus fillos teñen catro e cinco anos menos que Lía. Xamais se volve falar do asunto. De novo, contalo é mala idea, ninguén lle explica nada, parece que é culpa súa. Coa súa irmá maior apenas volve falar e só de nimiedades.

Todo entérrase no máis profundo da memoria e só volve lembralo moitos anos despois. Máis de trinta. Quen sabe por que. E como vai contalo agora. Porque poden ocorrer dúas cousas.

Que a crean, e faga dano a persoas ás que quere moito. Aos seus sobriños; aos seus outros irmáns; aos seus pais… paga a pena?

Ou que non a crean, que é o máis habitual, e pregunten por que se inventa esa historia horrible, por que quere facer dano; que lle está fallando na cabeza para ser tan mala; que a cualifiquen de enferma, porque iso non se fai; é pura maldade.

E se a conclusión é que Lía está mal da cabeza, non é digna de crédito. Hai que levala a algún médico, a que a traten, a mediquen, hai que facer algo, así non se pode estar, se cadra ata é perigosa, mira que cousas fai. 

A historia de Lía é a de miles de mulleres, moi suavizada, moi lixeira, sen violencia física, sen anos de malos tratos nin violación, sen ser forzada centos de veces, sen ser encerrada por negarse, por protestar, sen ser separada dos seus fillos, sen ser atada a unha camilla, sen ser obrigada a abortar, sen ser esterilizada contra a súa vontade. Só a partir do criterio dun profesional do ámbito psiquiátrico.

Non coñezo a ningunha muller que teña problemas de saúde mental que non padecese violencia nalgunha das súas formas, pero na maioría dos casos, esa violencia é física, sexual e ocorre no seu propio fogar. Dura polo xeral moitos anos, ata que os fillos son maiores. Case sempre a violencia empeza na nenez e dura ata unha idade madura ou mesmo avanzada. As mulleres que lograron saír dela e contalo, case sempre contaron co apoio de asociacións ou grupos de mulleres. 

Existen moi poucos datos sobre a realidade da violencia exercida sobre mulleres con problemas de saúde mental; ou non se atreven a contalo, ou non teñen posibilidade ou simplemente non son cridas. 

Unha das poucas fontes é a Confederación Salud Mental España, que elabora un informe anual. No de 2018, indica que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), os malos tratos é un factor precipitante, considerado a causa do 25 por cento dos intentos de suicidio das mulleres. A pesar diso, esta relación entre violencia de xénero e problemas de Saúde Mental, que afecta non só a mulleres, senón tamén aos seus fillos, continúa invisibilizada e ignorada no ámbito da Saúde Pública. A OMS considera a violencia contra a muller como a principal causa de problemas de saúde mental.

E que pasa cando acoden á sanidade pública?

Resumo as conclusións dun estudo realizado en 2010 por sete especialistas de varios hospitais cataláns e baleares, porque, como dicía, non hai case nada investigado nin publicado neste campo:

  • Unha porcentaxe importante das mulleres atendidas por episodios de violencia de xénero con resultado de lesións e/ou necesidade de atención médica e/ou social emerxente e/ou urxente no noso hospital recibían ou recibiran nalgún momento atención psiquiátrica ou psicolóxica especializada nas nosas consultas por outros motivos. 
  • Detectouse unha alta presenza de mulleres inmigrantes respecto do total de mulleres que sufrían violencia de xénero, pero un seguimento posterior relativamente baixo nas nosas consultas. 
  • A gran maioría das mulleres abandonaron o seguimento nas consultas de saúde mental. 
  • Entre os diferentes diagnósticos, chama a atención o risco de condutas adictivas, cunha alta taxa de abuso ou dependencia de alcol, benzodiacepinas e/ou outras drogas, así como unha alta taxa de antecedentes de intentos de suicidio.

“Aínda que a prevalencia de enfermidade psiquiátrica e/ou psicolóxica é moi alta neste grupo de mulleres que sufriron violencia de xénero grave, esta realidade en moitos casos non é coñecida polo profesional que a atende nin está documentada nin, aparentemente, recibe unha abordaxe específica. Este dato ten implicacións prácticas á hora de tratar a estas mulleres. As altas taxas de abandono do seguimento dan idea das dificultades de abordaxe destes casos dentro dos dispositivos de saúde mental no noso medio”.

Volvemos ao informe da Confederación Salud Mental España: “A pesar dos poucos datos existentes, podemos sinalar que as mulleres cun diagnóstico de trastorno mental grave teñen maior probabilidade de padecer violencia de xénero en comparación coas mulleres sen diagnóstico. O trastorno mental leva implícito un estigma de pouca credibilidade que invalida calquera discurso posterior, mesmo se xustifica nalgúns casos a actitude do maltratador. Esta é unha das causas principais polas que estas mulleres non se atreven a manifestar a súa situación de malos tratos”.

Outra situación de violencia difícil de concibir é a perda da custodia dos fillos a causa da inexistente Síndrome de Alienación Parental, que poden considerar os xuíces para decidir retirar a tutela ás nais. Non hai evidencias de ningún tipo sobre tal Síndrome, nin o recoñece ningunha institución médica, pero figura nos manuais de psicoloxía, igual que figura a transexualidade. 

Esta suposta síndrome, que invocan os pais, normalmente denunciados por malos tratos e en moitos casos abusadores sexuais, provoca trastornos mentais ou os agrava nas mulleres ás que se lles arrinca literalmente os seus fillos, impídeselles velos ou comunicarse con eles, ou se lles permiten visitas vixiadas dun par de horas. Os datos proceden dunhas xornadas multidisciplinares celebradas recentemente en Igorre (Biscaia), e da Plataforma Luna contra o SAP, fundada por unha enfermeira especialista en psiquiatría que se topou con esta agresión en 2003. 

Os expertos considérano unha tortura e verdadeiro terrorismo. Ás mulleres non se lles concede crédito, e os seus problemas de saúde mental agrávanse pola ameaza de non volver a ver aos seus fillos, de modo que moitas xa non denuncian o que lles pasa; pero tampouco se cre aos seus fillos, aos que se lles alecciona para que non conten o que ven ou non verán máis ás súas nais. 

Termino co berro dunha usuaria da saúde pública que nos deixa varias preguntas terribles e unha solución desesperada para que a atendan en condicións. 

Blanca ten 19 anos e depresión grave. Nos últimos 5 anos vírona 15 psiquiatras, que lle dedican unha media de 10 minutos, recéitanlle medicación e cítana para dentro de catro meses, cando lle tocará un especialista distinto. E dirixiuse á sección de consulta dun xornal para expor isto:

“Teño unha pregunta que realmente non sei se favorecería ou non ao sistema. Como xa dixen, a miña opinión é que 10 minutos cada 4 meses non son útiles, creo que ao final a xente abandona a terapia e segue só cos fármacos. Ata que punto sería malo reducir a xente á que se trata, pero dedicarlle algo máis de tempo? Penso que dalgunha forma poderías ir dando xente de alta por melloría, agora a xente non creo que mellore porque os mantés sempre ata que deixan de vir”.

Pódese dar de alta por melloría? Non, porque non a hai.
Entón, por que deixan a terapia algúns pacientes? Porque se cansan e é máis fácil tomar pastillas que esperar catro meses para nada.
Hai máis tempo para os que quedan? Non, porque hai moitísimas persoas esperando tratamento.
Algo vai cambiar para Blanca? Non, porque mentres haxa pacientes, as pautas van ser as mesmas.

E a sanidade pública funciona así.


Compartir contido