23/02/2016.

Volvemos aos institutos galegos coa campaña Mentalízate

Xa está en marcha unha nova edición da campaña Mentalízate, que ten como obxectivo informar e sensibilizar a adolescentes e mozos sobre saúde mental. A iniciativa, promovida por FEAFES Galicia, fomenta hábitos e estilos de vida saudables traballando na prevención da enfermidade mental a través da concienciación de rapaces que cursan secundaria.

As charlas realízanse en distintos institutos galegos ao longo do curso escolar e son impartidas por profesionais de FEAFES Galicia e das súas asociacións membro. Nestas charlas entrégaselle aos alumnos unha serie de materiais divulgativos para que conserven a información facilitada durante a ponencia. 

A través das delegacións de FEAFES Galicia, na cidade da Coruña recibirán información sobre saúde mental 120 alumnos do IES Monte das Moas; en Santiago traballarase con 90 alumnos do CPR Compañía de María; en Vigo acudiremos ao CP O Castro, o CP Andersen e o IES Teis; en Lugo visitaremos a 100 alumnos do IES Muralla; e en Ourense estaremos no CIFP Portovello e no CPI José García García. 

Estas charlas complétanse coas que están a realizar as 14 asociacións de FEAFES Galicia nas súas zonas de influencia, acudindo en total a máis de 50 institutos galegos e chegando así a arredor de 3.000 alumnos e 200 profesores e orientadores.

A importancia da prevención

A Organización Mundial da Saúde afirma que a falta dunha boa saúde mental nas primeiras etapas da vida pode provocar enfermidades mentais a longo prazo que acompañarán á persoa durante toda a súa existencia. Actualmente, calcúlase que polo menos o 20% dos adolescentes e mozos de todo o mundo teñen unha enfermidade mental.

Os problemas de saúde mental non só deben ser resoltos dende o tratamento e a rehabilitación. Tamén é necesario insistir no deseño de actuacións de promoción da saúde mental e prevención dos trastornos mentais dende unha óptica intersectorial e multidisciplinar. O ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento destas actuacións; non obstante, cabe destacar a escaseza de accións específicas de promoción da saúde mental e prevención de trastornos mentais que se realizan neste ámbito.

A campaña Mentalízate pretende paliar esta escaseza e converterse nun medio para promover os hábitos de vida saudables, o coñecemento das enfermidades mentais, a súa relación co consumo e ademais traballar posibles estigmas vinculados á enfermidade mental. Calquera instituto galego que estea interesado en incorporarse á campaña Mentalízate pode facelo poñéndose en contacto con FEAFES Galicia a través do número de teléfono 981 554 395.


Compartir contido