25/06/2015.

A asociación Avelaíña sae á rúa

Avelaíña realizará no Concello de Baiona unha campaña informativa coa que pretende concienciar e mostrar á poboación do municipio a problemática das enfermidades mentais, así como a realidade das persoas que as sofren. Así mesmo, a Asociación procura dar a coñecer a súa nova sede en Baiona, onde os usuarios da zona acoden a realizar diversas actividades e a recibir orientación.

Durante o mércores 24 e o xoves 25 de xuño, a Asociación instalará unha mesa informativa na rúa Alférez Barreiro, 22 (Casa do Mar de Baiona), que poderá ser visitada de 11:00 a 13:30. Ademais, o venres 26, sábado 27 e domingo 28, colocarase unha carpa en Carabela a Pinta de 11:00 a 13:30 e de 18:00 a 20:00. Nela, ademais de ofrecer información sobre as enfermidades mentais, Avelaíña expoñerá os traballos de cerámica que os usuarios realizan no Taller Ocupacional.

O labor de Avelaíña

Os programas que leva a cabo a asociación de axuda a persoas e familiares con enfermidade mental Avelaíña son múltiples, como o servizo de rehabilitación psicosocial, os programas de respiro familiar, actividades da vida diaria e servizos de orientación á comunidade.

As persoas afectadas por algunha enfermidade mental acoden a diario ao seu Centro de Rehabilitación, participando en talleres de prensa, informática, formación de adultos, actividades psicofísicas, entre outros. Tamén os seus familiares reciben atención dos profesionais de Avelaíña a través das consultas, do servizo de orientación e a atención domiciliaria.

avelaiña na rua.jpg

Compartir contido