12/03/2015.

A Creba celebra o seu XX Aniversario

A Creba está de noraboa porque este ano celebra nada máis e nada menos que dúas décadas de vida, e para festexalo, a asociación ten previsto realizar unha serie de actividades ó longo do 2015. As primeiras tiveron lugar a pasada fin de semana, na que os usuarios da entidade participaron en diversas actividades medioambientais e de artesanía.

O venres 6 de marzo, A Creba desprazouse ata a praia de Testar para colaborar coa Cruz Vermella de Noia nas tarefas de limpeza do areal. Armados con cubos, bolsas de plástico, guantes e botas de auga, os usuarios traballaron durante toda a mañá para deixar a praia limpa coma unha patena. 

Nestas labores de limpeza non estiveron sos, xa que tamén participaron na batida alumnos do IES Jaime Baldés, usuarios de Misela e os propios voluntarios da Cruz Vermella, conformando unha comitiva de arredor de 200 persoas. O resultado da xornada foi moi positivo, xa que lograron recoller un total de 700 quilos de lixo que foi gardado nuns depósitos especiais de refugallo ou enviados ó punto limpo.

Ese mesmo día a partir das 17h da tarde, A Creba sumouse á nova edición da Feira do Comercio de Noia, que tivo lugar na Alameda desta localidade. Alí houbo un stand no que se puxeron á venda os produtos artesanais que realizan os usuarios nos talleres da asociación, que tiñan un 30% de desconto para celebrar o vixésimo cumpreanos da entidade. 

A compra destes produtos é unha forma de colaborar na rehabilitación de persoas que padecen enfermidades mentais, xa que a recadación obtida a través da súa venda destínase a financiar proxectos para mellorar a calidade de vida do colectivo.

aniversario a creba (1).jpg        aniversario a creba (2).jpg

Compartir contido