05/11/2012.

A delegada da Xunta en Vigo visita Feafes Galicia

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, quixo informarse sobre os plans e iniciativas que está a preparar a Federación da Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais para tratar de integrar na sociedade ás persoas que padecen estas patoloxías.

Bravo Bosch visitou o mércores 31 de outubro a sede da Federación para coñecer as iniciativas que se están a levar a cabo para integrar na sociedade ás persoas que padecen algún tipo de enfermidade mental.

A delegada territorial preocupouse pola situación das persoas que atende Feafes Galicia aínda que o seu principal interese foi o emprego e o traballo coas empresas. Feafes Galicia ten agora un novo plan de formación e creación de emprego recollido dentro do Fondo Galego, pertencente á súa vez ao Fondo Social Europeo. A natureza dos empregos aínda non está definida e non o estará ata empezar as clases e coñecer o alumnado, para poder adaptar a oferta de empregos ao perfil dos seleccionados. As clases, iso si, empezarán o luns cinco de novembro en Santiago e contarán con quince alumnos.

Bravo Bosch tamén se interesou polas asociacións que integran a Federación e pola situación de dificultade que pasan algunha delas. Os representantes de Feafes aproveitaron para formularlle as diferenzas existentes entre diferentes minusvalideces do custo-praza nos CRPL e que de aí se derivan gran parte destas dificultades económicas.

Compartir contido