04/07/2014.

A Feira Mariñeira de Portosín contará cun posto de artesanía de A Creba

Aínda que a gran cita deste verán en Porto do Son terá lugar a finais de xullo coa Feira Celta, esta fin de semana servirase un pequeno aperitivo na localidade de Portosín, onde terá lugar unha nova edición da Feira Mariñeira.  

Ás 18.00 do venres abrirase o mercado no que participarán unha trintena de postos, entre os que se atopará o da asociación A Creba de persoas con enfermidade mental. Dende o día 4 ata o 6 de xullo, representantes desta asociación estarán presentes na feira para vender e informar acerca dos artigos que elaboran artesanalmente os seus usuarios. 

O posto de A Creba contará con diversos produtos como obxectos de coiro, cestería, pasta de papel, feltro, lá, teares en alto e baixo lizo, etc. Destacarán aqueles artigos cuxa temática estea máis relacionada co mar posto que se trata dunha feira mariñeira. Se queres consultar previamente o tipo de produtos artesáns que realiza a asociación A Creba, podes visitar a súa web ou seguir o seu Facebook.

Durante o transcurso da Feira Mariñeira de Portosín, terán lugar diversos espectáculos de rúa e orquestras que animarán a vila. Ademais, o sábado ás 12:30 haberá unha sardiñada popular na explanada portuaria, así que non hai escusa para achegarse á feira e visitar o posto de artesanía de A Creba!

feira mariñeira a creba.jpg

Compartir contido