15/04/2014.

A Internet, un espazo para a busca de emprego

A Federación Galega de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental, FEAFES, está a desenvolver o Programa Integrado de Emprego EM-Prégate cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar. O seu obxectivo é aumentar as posibilidades que teñen as persoas con enfermidade mental de acceder a un posto de traballo, para o cal se realiza orientación e asesoramento individualizado, busca de emprego, formación dos demandantes, prácticas en empresas, intermediación laboral e seguimento individualizado no posto de traballo.

Entre as novidades que incorpora este ano o Programa EM-Prégate, inclúese o uso das TICs e da Internet como ferramentas útiles para a busca de emprego. Por iso, os usuarios do Club de Emprego que se reúnen semanalmente, contan tamén cunha plataforma online na que poden intercambiar información, experiencias e impresións relacionadas coa busca de traballo e coa inserción laboral.

Este punto de encontro virtual consiste nun blog recentemente estreado. Nel os usuarios poden colgar ofertas de traballo que, se ben non lles interesan a eles mesmos, poden ser de proveito para outros compañeiros. Igualmente, comparten as súas experiencias de insercións ou de entrevistas de traballo e expoñen as expectativas, retos e dificultades que se atopan no proceso de busca de emprego.

Trátase tamén dun espazo onde consultar ofertas de formación e traballo nas distintas provincias de Galicia, incluíndo asimesmo diversos documentos que explican cómo elaborar un CV ou unha carta de presentación, cómo afrontar de maneira exitosa unha entrevista de traballo, etc. O blog conta ademais cun apartado orientado ás empresas no que estas poden informarse acerca da Responsabilidade Social Corporativa ou das bonificacións, axudas e subvencións ás que poden acceder.

FEAFES Galicia pretende que o blog do Club de Emprego sexa un elemento motivador máis na busca de traballo por parte das persoas con enfermidade mental, que lles axude a non sentirse desorientados e ó que poidan acudir cada vez que teñan unha dúbida, inquedanza ou consulta que plantexar.

blog empleo (2).jpg          blog empleo (1).jpg

faldon empregate.jpg

Compartir contido