19/11/2012.

A S.D. Compostela organiza un partido solidario no seu 50 aniversario

O 29 de decembro (16.30 horas - San Lázaro) foi a data elixida para a celebración dun encontro solidario entre a SD Compostela e un combinado de xogadores galegos pertencentes aos clubs de Primeira (Celta e Deportivo), Segunda (Lugo), Segunda B (Ourense, Coruxo) e Terceira División de Galicia. Fernando Vázquez será o encargado de dirixir o grupo mixto nos bancos.

Este partido será o colofón aos actos conmemorativos do 50º aniversario. O Compos renderá homenaxe ao seu medio século de vida á vez que busca apoiar as diferentes entidades benéficas coas que o club colabora. Así, a Esedé fará entrega de toda a recadación que se consiga a varias agrupacións da cidade. As asociacións participantes son: FEAFES GALICIA (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental); COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade); Fundación Andrea; Asociación de dano cerebral Sarela; ; Xuntos Podemos; Proxecto Home e Compostela Down.

A directiva da SD Compostela, con Antonio Quinteiro á cabeza, reuniuse cos representantes das asociacións citadas para concretar a organización do evento deportivo. A data elixida responde ao parón ligueiro de todas as categorías de fútbol co fin de convocar a futbolistas galegos de renome e atraer a un bo número de público a San Lázaro.

Compartir contido