14/04/2014.

A Secretaría Xeral de Igualdade mantén a súa colaboración con FEAFES Galicia

O pasado xoves 10 de Abril, o Director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández, reuniuse coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, para presentar os datos relativos á actividade da entidade en materia de igualade durante o 2013 e falar das futuras liñas de colaboración.

Durante o ano pasado, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, atendeu a 25 mulleres con trastorno mental grave dentro do seu Programa de Atención Integral. A maioría destas usuarias teñen entre 23 e 48 anos e carecen de ingresos económicos. Cabe destacar ademais que 6 delas foron vítimas de violencia de xénero e 11 contan con menores ó seu cargo.

Tras as valoracións iniciais realizadas no servizo de atención sociofamiliar, deseñouse un plan de intervención individual para cada unha delas de acordo ás súas necesidades e potencialidades. Estas liñas de actuación foron consensuadas entre as usuarias e os profesionais, tentando facer partícipes tamén ás familias e marcando obxectivos acadables a curto e longo prazo.

A través da intervención realizada neste proxecto, FEAFES Galicia pretende potenciar as capacidades e habilidades das mulleres con enfermidade mental para mellorar a súa calidade de vida. Neste senso, os profesionais da entidade brindáronlles asesoramento legal, orientación laboral, formación, ocio e respiro familiar, observando ó remate das intervencións unha evolución positiva na súa calidade de vida.

Antonio Hernández presentou este balance á Secretaria Xeral aportando os datos cuantitativos e cualitativos que xustifican o cumprimento dos obxectivos marcados. López Abella valorou moi positivamente o traballo da entidade e confirmou a continuidade da colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade neste programa, adiantando ademais a súa intención de visitar as instalacións de FEAFES Galicia o vindeiro mes.  

sx igualdadee.jpg

Compartir contido