19/06/2014.

Agricultura gastronómica e integración laboral: un caso de éxito

La Finca de los Cuervos é un proxecto de agricultura gastronómica que conta cun monocultivo dirixido a grandes clientes e ó subministro de produtos galegos á alta hostalería. Dende fai un mes, esta empresa conta cun traballador con enfermidade mental contratado de xeito indefinido, pois, segundo asegura o fundador e xerente do proxecto, “é tan eficiente ou incluso máis que calquera outro traballador”. 

Este usuario de FEAFES Galicia participa no Programa Integrado de Emprego EM-Prégate. Tras realizar prácticas durante un mes en La Finca de los Cuervos, o empresario decidiu que quería contar con el por máis tempo. “A acollida foi moi boa e fun aprendendo e integrándome pouco a pouco. Agora síntome a gusto porque tan só me dan unhas instrucións pola mañá e déixanme autonomía para ir facendo as tarefas ó longo do día” afirma o traballador.

“Este posto aportoume estabilidade, entretemento, relacionarme coa xente e, sobre todo, moito benestar. A nivel máis laboral aportoume, por suposto, ingresos e unha cotización, pero o que máis me gusta do traballo é que ves os seus froitos”. Con estas palabras expresa as satisfaccións que lle aporta o seu emprego, un posto de traballo ó que se adaptou con total normalidade.

“O proceso de adaptación foi curto, xa que as súas gañas de traballar e a súa vontade fixeron que se adaptase rapidamente” afirma o empresario. O traballador, pola súa parte, asegura que na empresa hai moi boa relación e bastante compañeirismo: “Puxéronmo moi fácil, resolveron as miñas dúbidas e explicáronme todo tantas veces como fixo falta” sinala.

Durante todo o proceso de inserción laboral, FEAFES Galicia realizou un seguimento e asesoramento tanto ó empresario como ó traballador. O xerente de La Finca de los Cuervos, asegura que “ter coñecemento da realidade e a problemática que existe neste colectivo, a través do Servizo de Inserción Laboral de FEAFES Galicia, fixo que quixese colaborar sen ningunha dúbida”

Neses momentos, o que agora é traballador da empresa estaba a participar nun programa de emprego de FEAFES Galicia e dende o Servizo de Inserción Laboral buscaron o posto de traballo que máis se adaptaba ó seu perfil. “Durante as prácticas encargáronse de estar en contacto comigo para facer un seguimento e darme apoio. Agora, unha vez contratado, tamén me brindan axuda cando a preciso” asegura o traballador.

Este é un claro exemplo de que a inserción laboral das persoas con enfermidade mental é posible. Máis alá do seu diagnóstico, este traballador posúe calidades moi valoradas pola empresa: “Sobre todo constancia. O meu xefe adoita dicirme que teño iniciativa, autonomía e boa resolución de problemas” sinala. O xerente, pola súa banda, destaca do traballador “a súa puntualidade, o compañeirismo e o interese, ademais de que asumiu responsabilidades moi pronto”.

Agora que conta cun contrato indefinido, este usuario de FEAFES Galicia ve o seu futuro totalmente normalizado e estable, pois, como di el, “estar indefinido implica un proxecto a longo prazo”.

IMG_0781.JPG

Compartir contido