08/10/2014.

As asociacións de FEAFES Galicia celebran o Día Mundial da Saúde Mental

O 10 de outubro é unha data arredor da cal un gran número de persoas e entidades celebramos o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración na que aproveitamos para alzar a nosa voz e dar a coñecer á sociedade as necesidades do noso colectivo.

Por elo, son moitas as asociacións membro de FEAFES Galicia que empregan esta data para facerse ver e organizar actos abertos a toda a cidadanía. Xa vos presentaramos nesta noticia os múltiples actos organizados por Doa en Vigo e en Cangas que inclúen exposicións, mesas informativas e unha lecturas públicas do manifesto. Por outra banda, adiantábamos tamén nesta outra noticia o acto de presentación dos novos locais de Fonte da Virxe en Santiago que coincidirán coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental de FEAFES Galicia.

Pero Santiago, Vigo e Cangas non son os únicos puntos de Galicia nos que se conmemorará esta celebración mundial. A asociación Avelaíña, por exemplo, ten prevista unha xornada de portas abertas no seu Centro de Rehabilitación Psicosocial situado en Baiona (Alférez Barreiro nº 22, 1º). Esta celebrarase o propio día 10 de outubro de 11:00 a 13:00 e nela poderán participar todas as persoas que queiran coñecer as instalacións e servizos deste centro recentemente inaugurado. Realizarase un percorrido polas novas instalacións, haberá mesas informativas, obradoiros e proxectaranse diferentes vídeos. Esta xornada de portas abertas concíbese como un espazo aberto e participativo onde as persoas interesadas poidan coñecer a realidade diaria da atención ós problemas de saúde mental e as súas dificultades.

E dende o sur viaxamos ata o entorno de Ferrol, onde a asociación Afaes Porta Nova ten previstas unha serie de actividades que se prolongarán ó longo de toda a semana. De luns a venres, a entidade celebra unhas xornadas de portas abertas en horario de 09:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 para que todo o que o desexe poida coñecer a labor que realiza a entidade. 

Do mesmo modo, Afaes porta Nova instalará stands informativos e de venda de produtos realizados nos talleres da asociación en diferentes espazos de Ferrol e da comarca, como o Hospital Naval, o Arquitecto Marcide, o Juan Cardona e o Concello de Cerdido, todos en horario de mañá. 

Ademais, o xoves 9 de outubro ás 17:30 desenvolverase unha charla de asesoría xurídica no Centro Ocupacional que a asociación ten en Narón (Rúa Río Sil nº 2-4) da man dos profesionais de FEAFES Galicia Rodrigo Blanco e Iván Sanmartín, que tratarán os aspectos máis relevantes desta materia en relación coa saúde mental.

E a asociación A Creba tampouco quere deixar pasar esta data sen poñer su grao de area en Noia. Durante toda a semana contará cuunha exposición e venda de produtos artesanais que terá lugar no claustro do Concello. Alí poderase ver, ademais, un collage inspirado no lema de FEAFES deste ano, “Abrindo mentes, cerrando estigmas”, ademais dunha mesa informativa con venda de lotaría. 

A Creba culminará a celebración dos actos do Día Mundial da Saúde mental coas II Xornadas Deportivas que terán lugar o propio día 10 e nas que participan colectivos de persoas con discapacidade de toda a comarca. Estas terán lugar no Polideportivo Municipal de Noia de 11:00 a 14:00.

dia mundial actos asociacions (2).jpg          dia mundial actos asociacions (4).jpg         dia mundial actos asociacions (1).jpg

Compartir contido