08/03/2015.

As mulleres con enfermidade mental, triplemente discriminadas

A propósito do Día Internacional da Muller, FEAFES Galicia quere chamar a atención sobre a enorme discriminación que sofren as mulleres do noso colectivo. As persoas con enfermidade mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria: unha concepción negativa por parte da sociedade, grandes dificultades para a súa inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. Dentro deste colectivo, as mulleres están se cadra máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación: 

•O estigma asociado ao padecemento dunha enfermidade mental
•O rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental
•A discriminación derivada de ser muller e o que isto implica na nosa sociedade

Unha vida, moitas dificultades

Esta tripla discriminación provoca unha serie de obstáculos cos que se atopan as mulleres con enfermidade mental no seu día a día. Por unha parte están as dificultades derivadas da propia enfermidade, como poden ser problemas no funcionamento psicosiocial e familiar, barreiras para a súa participación na comunidade e dificultades de autonomía nas diferentes áreas da vida persoal e social. 

Por outra banda, existe un prexuízo social que afecta especialmente a estas mulleres, dado que a sociedade en xeral ten unha imaxe negativa do colectivo considerándoos incapaces ou demasiado problemáticos para levar a cabo unha vida normalizada. 

Isto tamén provoca dificultades no eido laboral, pois as mulleres que sofren unha enfermidade mental son un dos colectivos da sociedade que teñen máis dificultades para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas.

Téñense detectado casos de mulleres con enfermidade mental que ven dificultado o exercicio da súa maternidade. Como a calquera outra nai ou pai non se debe xulgar o mero feito de padecer ou non unha discapacidade ou enfermidade mental senón de dispor de asesoramentos e apoios axeitados na toma de decisións. 

Tamén é un feito recoñecido que a violencia de xénero exercida contra as mulleres con enfermidade mental grave, moitas veces por parte das súas parellas e ex parellas, é máis frecuente que a que se exerce sobre as mulleres que non presentan estes diagnósticos.

Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental

Para facer fronte a esta realidade, FEAFES Galicia apoia os procesos de integración social das mulleres con enfermidade mental, axudando a mellorar o seu benestar físico e a aumentar a súa propia estima a través da participación activa na comunidade. 

Neste senso, a entidade desenvolve un Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade. A través deste programa, FEAFES Galicia facilita información e asesoramento a mulleres con enfermidade mental, realiza accións formativas, atende urxencias e traballa coordinadamente con outros recursos. 

Ó longo do 2014, un total de 66 mulleres con enfermidade mental recibiron formación e asesoramento ó amparo deste programa para aumentar a súa autonomía, lograr unha maior adherencia ó tratamento, adquirir unha maior consciencia da enfermidade, recuperar as súas destrezas cognitivas e mellorar as súas habilidades sociais. Ademais destas beneficiarias directas, ata 97 familiares favorecéronse tamén destas accións.

As coidadoras, tamén mulleres

Segundo indica a “Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde”, a prestación de atención á saúde mental realizada por coidadores informais supón o 88% do total desta atención en España. Isto implica unha carga tremenda para as familias, posto que a atención dun paciente psiquiátrico trae asociadas toda unha serie de alteracións na vida do coidador.

Destes coidadores informais, as mulleres son as que soportan o maior traballo, pois en case o 90% dos casos a atención á persoa con enfermidade mental é realizada polas nais. Isto provoca nestas mulleres un importante retraemento social porque o coidado da enfermidade mental implica unha gran dedicación: a coidadora e o enfermo íllanse do entorno e os prexuízos sociais resultan moi daniños.

A abordaxe integral da enfermidade mental debe incluír tamén unha adecuada atención ó entorno máis próximo, que a miúdo precisa de apoios específicos como programas de axuda mutua, intervención familiar, etc. Os familiares, amigos e coidadoras son un elemento esencial na recuperación das persoas con enfermidade mental, polo que tamén precisan un asesoramento e unha formación que FEAFES Galicia, así como as asociacións membro, ofrecen a través dos seus servizos.

dia muller (2).JPG        dia muller (1).JPG

Compartir contido