15/06/2015.

Así transcorreu o XIX Congreso Estatal FEAFES

O Congreso bienal da Confederación FEAFES (a partir de agora Confederación SAÚDE MENTAL ESPAÑA), organizado nesta décimo novena edición xunto á Federación FEAFES Galicia na Coruña, levou por lema "Embarcados cara a unha vida plena". Deste modo, fíxose patente a importancia da participación, o empoderamento e a autonomía das persoas con problemas de saúde mental de cara á súa recuperación.

Ponencia marco

O encontro estivo dividido en dúas xornadas. A primeira, que tivo lugar o xoves 11 de xuño, albergou unha conferencia marco na que o director de Relacións Externas de Forética, Tomás Sercovich, destacou a importancia do sector da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) como oportunidade para as organizacións sociais. Na súa opinión, "se a empresa non é capaz de xerar valor, non só para si mesma senón tamén para a sociedade, está destinada a fracasar". Non obstante, coincidiu coa subdirectora xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Xunta de Galicia, Carmen Orgeira, encargada de presentar a conferencia marco, en que "a inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental non é unha cuestión de RSE, senón de dereitos".

          

Acto inaugural

A segunda xornada, que tivo lugar o 12 de xuño, estivo presentada polo xornalista e presentador da Televisión de Galicia, Terio Carrera. A sesión inaugural correu a cargo do presidente da Confederación, José María Sánchez Monge, quen quixo agradecer á Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e á Fundación ONCE o apoio recibido ao longo dos últimos anos. Así mesmo,Sánchez Monge insistiu en recordar que o obxectivo do movemento foi e seguirá sendo a defensa dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental, "conseguir a verdadeira igualdade de oportunidades".

Na mesa estivo acompañado polo presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, quen, ademais de dar a benvida aos asistentes, relatores e autoridades, destacou a importancia de que o movemento asociativo se reúna periodicamente para compartir inquedanzas, experiencias e proxectos.

Ademais, nesta inauguración tamén interveu o subdirector Xeral de Participación e Entidades Tuteladas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade,  Jesús Celada, e a Secretaria Xeral de Política Social da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, que coincidiron na importancia da colaboración entre as institucións e os movementos asociativos.

Posteriormente, os relatorios repartíronse en tres mesas temáticas que abordaron o emprego, a vivenda e o risco de exclusión social, tres elementos clave que contribúen ou dificultan o proceso de recuperación.

          

Saúde mental e emprego

A mesa sobre o emprego como camiño cara á autonomía estivo moderada polo xornalista de Radio Nordés Cadena Ser, Pepe Formoso, e o encargado de abrila foi Fernando Bellver, presidente do Padroado de Fundació Emplea. Este lamentou que, como sociedade, en materia de emprego e de integración das persoas con discapacidade, “non puidemos facer demasiados avances". O emprego con apoio é, explicou, non só un pequeno programa colateral, senón algo con moito futuro, é a rampla de acceso á normalidade cidadá. O emprego con apoio cambia á persoa que se compromete a acceder a unha cidadanía plena, pero tamén aos profesionais que, na súa opinión, "deben deixar os centros especiais, para chegar ás empresas". Desta forma, asegurou Bellver, "cambian tamén as empresas, que serán un reflexo da sociedade e terán, polo tanto, un 10% dos seus empregados con discapacidade”.

Na mesma mesa interveu tamén Marcos Gómez, técnico de FEAFES Soria ASOVICA, que, dende a súa experiencia, chegou á conclusión de que, máis alá da medicación, "o emprego é o mellor tratamento, o máis terapéutico". Recursos como o Centro Especial de Emprego, dixo, "actúan como elementos recuperadores das habilidades deterioradas pola enfermidade mental".

          

Saúde mental e vivenda

A segunda mesa, que levou por título "Vivenda: Un lugar para a autonomía", estivo moderada pola xornalista de Radio Galega, Clara de Saa. Nela participou Abelardo Rodríguez, coordinador técnico da Rede de Atención Social a Persoas con Enfermidade Mental da Comunidade de Madrid, quen explicou cales son os modelos e iniciativas que fomentan o acceso á vivenda deste colectivo e o papel que xogan este tipo de medidas para mellorar o seu empoderamento e autonomía. Neste sentido, destacou que "a inadecuada cobertura das necesidades de apoio ao aloxamento e atención residencial xera múltiples consecuencias negativas, polo que é fundamental achegar os apoios oportunos para que as persoas con problemas de saúde mental poidan optar a unha vivenda da súa elección, adaptada ás súas necesidades".

Na mesa estivo acompañado por Miguel Leturia, director da área de consultaría de Matia Instituto Xerontolóxico, quen recalcou a importancia de pasar do modelo asistencial e clínico a un modelo centrado na persoa, atendendo á singularidade de cada unha delas. "Clasificamos, diagnosticamos e incluímos en grandes sacos a persoas moi diferentes", dixo Leturia, que considera que para abandonar esta forma de traballar e tender á personalización necesitamos a participación das persoas usuarias".

A mesa pechouse cunha experiencia persoal a cargo de María José Sánchez, usuaria dos recursos residenciais da asociación APEM, que compartiu cos asistentes ao Congreso a axuda que a vivenda supervisada supuxo para a súa evolución e a súa independencia vital. "Ao principio sentíame perdida. Non me atrevía a ir soa ao supermercado, pero logo, pouco a pouco, xa fun facendo soa todas as cousas", explicou.

          

Saúde Mental e exclusión

A última mesa, titulada "Saúde Mental: un tobogán cara á exclusión social? ", estivo moderada polo avogado e colaborador de RadioVoz, Gonzalo Gesto. María Asunción Garay, que forma parte do programa de Asistencia Psiquiátrica a Persoas Sen Fogar de Bilbao, sinalou que as intervencións deben ser proactivas e estar enmarcadas na busca da dignidade. "As persoas sen fogar son vítimas, altamente vulnerables a ataques", dixo  Garay, que quixo aclarar que as actuacións do organismo ao que representa están encamiñadas á redución do risco, a través da detección deste e, posteriormente, das prestacións sociais e sanitarias. Así mesmo, destacou que o "respecto da vontade, os ritmos e as prioridades das persoas afectadas" é unha das claves do éxito deste tipo de iniciativas.

Ao seu lado estivo Manuel Fernández, presidente da asociación lucense ALUME, que expuxo os obxectivos do programa PAIEM destinado ao traballo en institucións penitenciarias, así como do proxecto de apoio a persoas sen fogar que ALUME puxo en marcha fai 8 meses. "Queda moito traballo por facer", dixo Fernández, máxime nunha "sociedade do benestar minguante" e con grandes diferenzas entre Comunidades Autónomas, pero asegurou ter a percepción de que "existe unha disposición espontánea na sociedade que se activa en canto nós acendemos a alarma. Traballamos con persoas que teñen na rúa unha sorte de padriños que lles compran as medicinas, adiántanlles o diñeiro do copagamento, ou nos avisan cando levan sen velos dous días".

Por último, Carlos García, representante de FEAFES Galicia no Comité Estatal de Persoas con Enfermidade Mental, pediu un esforzo máis ao movemento asociativo, a pesar de que "as asociacións están desbordadas", para afondar nos labores de acompañamento, porque, segundo dixo, "hai momentos na vida que poden determinar se rematas en exclusión ou non. Cando sentes que non lle importas ao mundo, o mundo déixate de importarte a ti".

          

Clausura

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), Luis Cayo, pechou o XIX Congreso FEAFES asegurando ao movemento asociativo que "a saúde mental seguirá tendo un lugar preferente na axenda da discapacidade". Neste sentido, aclarou que non é unha concesión, senón unha forma de asumir a realidade, xa que a saúde mental é, cualitativa e cuantitativamente, o colectivo da discapacidade co que a sociedade ten un maior déficit de atención, de coñecemento e de concesión de dereitos".

O Congreso pechouse definitivamente a tarde do venres cun encontro do movemento asociativo no que varias entidades presentaron experiencias, proxectos, campañas e actividades innovadoras ou exitosas que desenvolven nos seus respectivos territorios.

          

Compartir contido