14/04/2015.

Case a metade dos galegos non marcan o cadro de Fins Sociais

As entidades do terceiro sector galego xuntáronse en Santiago esta mañá, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, para facer balance das cifras recadadas o ano pasado en Galicia mediante a asignación do 0,7 por cento do IRPF ao recadro de Fins Sociais (Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social). Na rolda de prensa presentouse tamén a campaña X Solidario deste ano, que informa e anima ás persoas contribuíntes a que marquen o recadro de Fins Sociais á hora de facer a súa declaración da renda.

O Director de EAPN-Galicia, Xosé Cuns, explicou que “cando se fai a declaración da renda existen catro posibilidades: marcar o recadro de Fins Sociais, marcar o recadro de Fins Sociais e o da Igrexa Católica, marcar só o cadro da Igrexa Católica ou non marcar ningún recadro”. No caso de marcar os dous recadros, os cartos non se dividen, senón que se multiplican por dous, pero Cuns fixo fincapé na idea de que “ é un dereito elixir que queres que se faga cos teus cartos, e non todo o mundo pon en práctica este dereito”. 

Ademais, o representante de EAPN-Galicia tamén quixo aclarar que cando se marca un recadro os contribuíntes non pagan máis impostos e tampouco lles devolven menos. “Do que hai que pagar na Declaración do IRPF, o Estado saca un 0,7 por cento para que ti decidas en que se vai gastar”, concluíu.

María Paz, Vicepresidenta da Coordinadora Galega de ONGD, realizou un balance das cifras acadadas no recadro Fins Sociais durante a declaración da renda presentada o ano pasado. Paz apuntou que “grazas á solidariedade das persoas que destinaron o 0,7 por cento dos seus impostos a esta finalidade obtivéronse 14.858.529 euros” pero engadiu que, “se ese 46,4 por cento de persoas que só marcan a Igrexa ou que non marcan ningún recadro apostara polo X Solidario, a cifra aumentaría en máis de 11.400.000 euros”. “Hai 585.396 galegas e galegos que non marcan o recadro de Fins Sociais, un xesto que non custa nada, e para estas persoas vai dirixida a nosa campaña” subliñou María Paz.

O Presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, explicou que os 14.858.529 euros recadados durante o ano pasado son repartidos entre as organizacións sociais polo que, “son un importante instrumento de política social para a loita contra a exclusión social”. Ademais disto, o Presidente do CERMI-Galicia aclarou que “existe unha total transparencia por parte das ONG á hora de xestionar os proxectos que se realizan e que non se destinan ás estruturas das entidades”.

IMG_0464.JPG            IMG_0490.JPG

Compartir contido