26/11/2014.

FEAFES Galicia achégase ás persoas sen fogar do Centro Vieiro

Con motivo da Campaña de Persoas Sen Fogar de Caritas, o Centro Vieiro en Santiago de Compostela organizou  diferentes actos que se levarán a cabo para poñer de manifesto unha situación tan dramática como é a falta de vivenda digna para as persoas que se atopan na rúa. 

Estes actos inclúen actividades tales como un flashmob que se realizará o xoves 27 de novembro na Praza Europa e que coincidirá cunha concentración e a lectura dun manifesto. O mesmo día ás 19:00 haberá unha mesa redonda no Seminario Maior San Martín Pinario baixo o título “Por unha vivenda digna e adecuada: ninguén sen fogar”. 

Finalmente, ó longo do sábado 29 e o domingo 30 realizarase unha xornada de portas abertas no Centro Vieiro de Caritas para persoas sen teito que permitirá ós asistentes coñecer cal é a realidade deste colectivo e como traballa Caritas para facerlle fronte. O centro, situado na Rúa Costa Vella nº 12, poderá ser visitado de 08h a 18h.

FEAFES Galicia, preocupado pola estreita vinculación que existe entre exclusión social e enfermidade mental, participará nestas actividades mediante a visita de diversos técnicos de atención directa da Federación que acudirán a coñecer o traballo do Centro Vieiro. 

Apoio e Acompañamento para Persoas con Enfermidade Mental e Sen Fogar

FEAFES Galicia considera necesario desenvolver programas específicos para detectar ás persoas con enfermidade mental que viven na rúa e poder orientalos de cara á súa inserción na comunidade dun xeito normalizado. 

Por iso, este ano puxemos  en marcha un programa de Apoio e Acompañamento para Persoas con Enfermidade Mental e Sen Fogar dentro do “Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental”, subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar no marco do Plan Galego de Inclusión Social, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FEDER/FSE de Galicia 2007-2013. 

Este programa pretende, en primeiro lugar, achegarse e coñecer a realidade das persoas con enfermidade mental grave e sen teito. Por outro lado, pretende ofrecerlles apoio social e acompañamento a través de itinerarios personalizados de inserción e apoio comunitario, así como a posibilidade de mellorar a súa autonomía e facilitar a reinserción social.

Ademais, este programa busca favorecer un modelo de cooperación e colaboración entre diferentes entidades públicas e privadas, conxugando a implicación das distintas redes de servizos comunitarios existentes (saúde mental, servizos sociais, etc.) para favorecer unha atención integral ó colectivo (acceso, vinculación e emprego de recursos).

centro vieiro.jpg

logos proyecto inclusion.jpg

Compartir contido