01/07/2014.

FEAFES Galicia comparece no Parlamento para presentar as necesidades do colectivo

O mércores 2 de xullo, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, comparecerá no Parlamento de Galicia para debullar as problemáticas que afectan ás persoas con enfermidade mental. Esta intervención realízase no marco da Comisión non permanente de Seguimento das Políticas relativas á Discapacidade e elaboración de novas Propostas a Favor da Integración das Persoas con Discapacidade. 

Xose Ramón Girón falará da alta incidencia que ten a enfermidade mental na nosa sociedade, xa que é a segunda causa de discapacidade en Galicia despois da física e a que máis creceu nos últimos anos, pasando de 19.900 persoas censadas no 2006 a 41.533 no 2014. Trátase ademais dunha enfermidade que implica unha gran carga asistencial e familiar, ademais de ser unha das principais causas de exclusión social: persoas sen fogar, reclusos, persoas con tutelas públicas, etc.

O presidente da entidade incidirá tamén na falta de recursos e no financiamento insuficiente que hai para atender a todo o colectivo diana co que traballa a Federación. Isto débese en gran parte a que, tras a consecución dos dereitos sanitarios coa Lei Xeral de Sanidade de 1986, ó colectivo de persoas con enfermidade mental negáronselle os seus dereitos sociais durante moitos anos. En consecuencia, as persoas con enfermidade mental quedaron fora das políticas sociais ata o ano pasado no que por primeira vez o colectivo apareceu na carteira de servizos da consellería de Traballo e Benestar.

Os máis de 20 anos de retraso respecto ós demais colectivos de discapacidade impediron implementar políticas integrais de atención a estas persoas e provocou unha enorme discriminación no apoio económico á saúde mental con respecto a outras discapacidades. Xosé Ramón Girón exporá no Parlamento a necesidade de superar o modelo biomédico de atención á saúde mental para pasar a unha abordaxe integral da enfermidade.

Durante a súa comparecencia, o presidente de FEAFES Galicia estará acompañado doutros membros da Xunta Directiva e de dous representantes do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, un órgano creado pola entidade para empoderar e dar voz ás propias persoas diagnosticadas. Tras a exposición, atenderanse as preguntas dos membros parlamentarios.

Ó igual que FEAFES Galicia, outras nove entidades que traballan con colectivos con discapacidade e que son membros do Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade en Galicia (Cermi-Galicia), comparecerán ou xa compareceron no Parlamento galego para dar a coñecer as súas necesidades: Fademga-Feaps, Faxpg, Once, Cogami, Down Galicia, Autismo Galicia, Fegadace, Fagal e Aspace Galicia.

comparecencia parlamento.jpg

Compartir contido