15/11/2012.

Feafes Galicia lanza unha campaña para loitar contra o estigma da enfermidade mental

Sabiamente 003 pequena.jpg

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) e a Fundación Solidarios Anónimos firmaron esta mañá un convenio para a realización dunha campaña de sensibilización con varias vías de acción e que permitirá loitar contra o estigma que padecen as persoas con enfermidade mental.

Na sinatura estiveron presentes o presidente de Feafes Galicia, Xosé Ramón Girón, e o presidente de Solidarios Anónimos, Carlos Mañas. Xunto a eles compareceu ante os medios o actor Antonio Durán Morris, un dos protagonistas da campaña que se vai levar a cabo grazas a esta colaboración.

A campaña que presentan Feafes Galicia e Solidarios Anónimos pretende loitar contra o “etiquetado” das persoas con enfermidade mental, xa que en ocasións sofren máis polo rexeitamento social que polos propios síntomas da doenza.

Ademais, cómpre salientar a importancia deste colectivo, xa que en Galicia son máis de 40.000 as persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental. Ademais, unha de cada catro persoas terá un trastorno mental ao longo da súa vida e este tipo de doenzas representan o 12,5% de todas as patoloxías, unha porcentaxe superior á do cancro e á dos trastornos cardiovasculares.

3.000 carteis e calendarios
A campaña, baixo o título “Sabiamente. Libera os teus prexuízos”, está protagonizada por un elenco de reputados personaxes de gran prestixio, vencellados ás artes escénicas, o cine, a televisión o teatro, a literatura, etcétera, que ceden xenerosamente a súa imaxe para concienciar á poboación sobre a importancia da saúde mental e erradicar o estigma e a imaxe errónea que existe sobre as persoas con enfermidade mental.

Entre os coñecidos personaxes que participan na campaña figuran Andreu Buenafuente, Luis Tosar, María Castro, Manuel Manquiña, Forges, Moncho Borrajo, Antonio Durán ‘Morris’, Teté Delgado, Tonino, o dúo Complices, Sergio Pazos, Avelino González, Carmen Amoraga, Javier Gutiérrez, Luis Zahera e Antonio Mourelos.

Na campaña este personaxes coñecidos aparecen ataviados cunha camisa de forza, elemento de estigmatización da enfermidade mental por antonomasia, xunto co lema “Sabiamente. Libera os teus prexuízos”. A iniciativa plasmarase en 3.000 carteis, que se imprimirán grazas á colaboración de Deputación da Coruña. A partir do mes de novembro, serán repartidos por todo Galicia, en centros de saúde, institucións académicas, entidades veciñais, concellos, diputacións, etcétera, con fin de chegar á máxima poboación posible.

Ademais, realizarase unha tirada de calendarios de mesa adaptando as imaxes de dita campaña. Así mesmo, para unha mellor difusión e impacto, contémplase plasmar a campaña noutros soportes e medios a largo plazo.

Videos musicais
Ademais do material gráfico, a campaña de concienciación complétase con outras liñas de acción. En concreto, en colaboración coa Fundación TIC, organismo dependente da Deputación de Lugo, elaboraranse dous videos sociais, con pezas musicais do dúo Cómplices, que porán a banda sonora a esta iniciativa. As cancións son “Lluvia de luna llena” e “Calor de invierno”. Esta última foi composta por Teo Cardalda, na que fala do trastorno bipolar e que adicou a Carlos Mañas.

Non falo de oídas
Así mesmo, levarase a cabo outra importante liña de acción baixo o nome “Non falo de oídas”, que pretende lograr o empoderamento das persoas con enfermidade mental e que actúen como protagonistas á hora de dar a coñecer a súa doenza en distintos foros de opinión. Así, organizaranse conferencias, debates e mesas redondas en distintos marcos de intervención, como centros educativos ou círculos empresariais. O obxectivo é falicitar información de primeira man, que a sociedade coñeza mellor as doenzas e así poder erradicar falsos mitos.

Compartir contido