08/04/2014.

FEAFES Galicia na XI Feira da Saúde

O Concello de Ourense desenvolve, coa colaboración de 28 asociacións e entidades da cidade que traballan no ámbito da saúde, a XI Feira da Saúde que terá lugar os días 8 e 9 de Abril na Alameda.

Esta iniciativa forma parte dos actos organizados a propósito do Día Mundial da Saúde, que se celebra o 7 de Abril e que está dedicado este ano ás enfermidades transmitidas por vectores, organismos que transmiten patóxenos dun animal ou persoa infectada a outra.

Os actos comezaron o luns no Centro municipal José Ángel Valente cunha conferencia sobre "Enfermidades transmitidas por artrópodos: un mundo global" a cargo da doutora Dolores Díaz López do Complexo Hospitalario de Ourense.

A continuación, o martes 8 e o mércores 9 de Abril, a Alameda de Ourense acollerá a undécima edición da Feira da Saúde, onde asociacións e entidades que desenvolven o seu labor en Ourense a prol da saúde achegarán ós visitantes a oferta de actividades e servizos que prestan ós seus asociados e á sociedade no seu conxunto. 

FEAFES Galicia será unha das entidades que amosen o seu traballo nun stand informativo que estará aberto os dous días de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. Nel, a delegación ourensá de FEAFES amosará o labor que realiza a entidade a favor das persoas con enfermidade mental, defendendo os dereitos deste colectivo, promovendo a súa saúde e loitando pola mellora da súa calidade de vida.

Os visitantes da feira poderán realizar rexistros sanitarios gratuítos, medicións de glucemia, tensión arterial, tensión ocular, peso, talla, índice de masa corporal, perímetro abdominal, forza e flexibilidade, entre outras. Tamén haberá diferentes actividades como charlas e obradoiros sobre diversos temas relacionados coa saúde. 

feira da saude.jpg

Compartir contido