24/11/2014.

FEAFES Galicia participa na andaina “Camiño ao respeto”

A propósito do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se conmemora cada ano o 25 de novembro, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia organizou unha andaina baixo o nome “Camiño ao respeto”. Esta actividade tivo lugar o domingo 23 de novembro e nela participaron os usuarios do Club de Ocio de FEAFES Santiago.

Esta andaina pretende promover a participación cidadá a prol do rexeitamento público e formal contra a violencia de xénero, así como sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres. 

O evento celebrouse na capital galega e comezou ás 11:00 da mañá no Punto de Información de Monte do Gozo, previa recepción dos participantes e entrega das acreditacións. Durante hora e media realizouse o “Camiño ao respeto” cara a Praza do Obradoiro, percorrendo unha distancia total de arredor de 5 quilómetros. 

Unha vez fronte á Catedral, tivo lugar o acto final coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero que incidiu na necesidade de fortalecer a prevención para avanzar na paulatina redución da violencia contra as mulleres ata chegar á súa erradicación. Do mesmo xeito, falouse da importancia de que as actuais vítimas poidan contar cun apoio e asistencia integral para facer fronte á súa situación.

Os usuarios de FEAFES Galicia que participaron na andaina recibiron, ó igual que o resto dos camiñantes, un diploma acreditativo conforme realizaron este “Camiño ao respeto”.

andaina violencia xenero2.jpg     andaina violencia xenero.jpg

Compartir contido