16/09/2013.

Feafes Galicia participa nas xornadas A loucura na corda

Feafes Galicia participará nas xornadas “A loucura na corda”, que se celebran en Santiago de Compostela entre os días 17 e 20 de setembro. O encontro, organizado por un grupo de persoas interesadas na cuestión da saúde mental, comezará o día 17 na Biblioteca Anarquista A Ghavilla ás 18 horas coa intervención de José Ángel Brandariz e a presentación da Asamblea de Majaras.

Ao día seguinte, mércores 18, terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación a Mesa Redonda “Conversar arredor da loucura”. Será a partir das 19 horas e nela participarán Guillermo Rendueles, Isabel Lodeiro, Ramón Area e Paula Tomé.

O xoves 19 será cando se celebre unha nova mesa na Biblioteca Ánxel Casal. Será a partir das 19 horas e leva por título “Experiencias prácticas no terreo da saúde mental”. Neste encontro farase un debate sobre o traballo de empoderamento no eido da saúde mental coa presenza de diversos colectivos e asociacións de Galicia. Nesta mesa vai participar Feafes Galicia, en concreto, a coordinadora de Emprego, Carina Fernández, e un dos membros do Comité de Persoas con Enfermidade Mental  de Galicia, Ana Belén García. Tamén estarán as asociacións Radio Prometea, Fonte da Virxe, Andaina, A Creba e Asbiga.

As xornadas rematarán o venres 20 coa proxección do documental “Rufus May. O doutor que oe voces”, a partir das 18 horas na Casa do Vento. Ás 20 horas, terá lugar a festa final coa timba poética e música.

Compartir contido