16/03/2015.

FEAFES Galicia participa no V Seminario de Xornalismo Social

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) comezaron recentemente a quinta edición do Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’. 

As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa deste Seminario, que inclúe ademais unha expedición a Marrocos onde tres estudantes traballarán con organizacións locais.

O curso está impartido por profesionais do Terceiro Sector galego, investigadores e xornalistas especializados, afondando entre outras cousas no tratamento mediático da inmigración, o xénero, a discapacidade ou a enfermidade mental. Tamén terán cabida o xornalismo con enfoque de Dereitos Humanos e o xornalismo ambiental.

O martes 17 de marzo, dúas profesionais de FEAFES Galicia serán as encargadas de falar de saúde mental e medios de comunicación. Carina Fernández, Coordinadora do Servizo de Inserción Laboral, presentará á entidade mentres que Ana Escrigas, Responsable de Comunicación, dará a coñecer distintas campañas de sensibilización que leva a cabo FEAFES, falará do tratamento mediático da enfermidade mental e presentará un manual de boas prácticas para que os xornalistas saiban como abordar estes temas nos medios de comunicación.

A ponencia terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que colabora coa iniciativa. O curso conta cunha duración total de 40 horas e está dirixido tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. O obxectivo do Seminario é capacitar ós xornalistas e a futuros xornalistas no coñecemento da comunicación social e, máis concretamente, da comunicación para o desenvolvemento, impulsando así a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade.

seminario xornalismo social.jpg

Compartir contido