19/02/2015.

FEAFES Lugo inaugura os seus novos locais

A delegación lucense da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, celebra a vindeira semana o acto de inauguración dos seus novos locais, situados na Ronda de Fingoi nº 109, que veñen de someterse a unha obra de ampliación.

Ao evento, que terá lugar o martes 24 de febreiro ás 17:00, acudirán o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira; e a Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz Mella. As autoridades serán recibidas polo presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, que estará acompañado por representantes da Federación e das asociacións lucenses de saúde mental.

Durante o transcurso do acto, José Ramón Gómez Besteiro asinará un convenio de colaboración con FEAFES Galicia para a realización de prácticas non laborais na Fundación TIC por parte dos usuarios da entidade. Intervirán, ademais, as distintas autoridades e o presidente da Federación, despois do cal haberá un tempo de distensión para tomar uns aperitivos.

Novos locais, máis posibilidades

As instalacións nas que desenvolverá o seu traballo FEAFES Lugo a partir de agora teñen 92 metros cadrados totalmente accesibles e contan coas seguintes estancias: tres despachos de atención a usuarios, unha sala de usos múltiples para a realización de accións formativas, un distribuidor e dous cuartos de baño. 

Os locais teñen boas conexións de transporte público e contan cun área de aparcamento para facilitar o acceso dos usuarios. Situado na zona universitaria, atópase preto do Colexio e do Centro Social de Fingoi.

Neste novo espazo, FEAFES Lugo desenvolverá os seus servizos habituais de atención á saúde mental. Con respecto ós anteriores locais, a entidade conta agora con máis espazo e cun aula de formación da que carecía anteriormente, ademais de adaptarse ós requirimentos necesarios para acreditarse como axencia de colocación.

A atención á saúde mental en Lugo

Segundo os últimos datos do censo da Consellería de Traballo e Benestar, correspondentes ó 2014, en Galicia hai 41.533 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, das cales 4.580 corresponden á provincia de Lugo.

Destas máis de 4.500 persoas afectadas por algún trastorno mental, FEAFES Lugo atende a 312 usuarios, ofrecéndolles información e asesoramento de diversa índole e facendo un seguimento individualizado de cada caso.

Ó longo do 2014, un total de 213 usuarios accederon a accións formativas en Lugo e 12 deles tiveron a oportunidade de realizar prácticas non laborais en empresas. O Servizo de Orientación Laboral de FEAFES Lugo logrou que 27 dos seus usuarios accedesen ó mundo laboral, asinando un total de 34 contratos de traballo.

inauguracion locales lugo (1).jpg

Compartir contido